Buscar este blog

miércoles, 2 de julio de 2014

Palabras..... alternativas (Manuel Rivas)



Linguaxe xestual
                                        "... Entendíanse moi ben os dous en silencio.
O operario do serradoiro vestía sempre unha funda azul de traballo e tiña en verdade un aspecto de personaxe lendario. Un ar argonauta que perdera a fala nalgunha illa onde roubaban as palabras. Corpulento e áxil asemade, puña todo o seu corpo a producir signos cando quería expresar algo. Xa que logo, era o veciño máis comunicativo da contorna. Meu avó escoitaba cos ollos, ficaba pensativo ou asentía. Podían estar así horas. Era unha anatomía enteira a filosofar, a exclamar coas pestanas, a subliñar coas cellas, a escribir no ar cos brazos, coas mans, os dedos a compoñer ideogramas. Un día estragouse a fonte. Non botaba auga polo cano. E o mudo, moi competente en toda maquinaria, comezou a explicar o problema á rolda de veciños. Non usaba palabras, mais na atención de todos reflectíase a extraordinaria elocuencia. A enerxía do seu corpo falante. O xeito en que debuxaba no ar o camiño todo da auga. A lei dos vasos comunicantes. Cando rematou, a auga volveu a manar polo cano. Non podía ser doutra maneira. Toda a xente estaba convencida. Sería unha vergoña para a auga o non saír. (...)"


(Para reflexionar sobre distintos aspectos da linguaxe, preme aquí. Tamén podes obter información complementaria premendo sobre a imaxe... )