Buscar este blog

lunes, 14 de septiembre de 2015

Palabra... de guionista (Jean-Claude Carrière)

P.- Corre a lenda de que, ata non hai moito, soía traballar 16 horas ao día.
R.- Non, iso non é certo. Se un escritor lle di que escribe tantas horas seguidas, estea seguro de que lle está mentindo. Escribir é un exercicio físicamente esgotador, polo que facelo durante seis horas seguidas xa me parece excesivo. Outra cousa é o traballo que facemos sen nos dar conta. No interior de cada un de nós existe un obreiro invisible, que segue a traballar cando nós desconectamos. A miúdo deixo os meus guións repousaren dous ou tres meses. Cando volvo traballar con eles, atopo solucións inmediatas a problemas que me parecían irresolubles.

P.- Como o explica?
R.- O inconsciente sempre resulta fundamental, tamén ao escribir. Para que un personaxe sexa completo, sempre hai que dotalo dun subconsciente propio. Todo escritor debe conferir zonas escuras aos seus personaxes. E cando fan cousas absurdas ou impropias deles hai que deixarlles tomar ese camiño imprevisto.



P.- É dicir, que o autor nunca debe ter a pretensión de controlalos totalmente?
 R.- Claro que non. Iso é o peor que che pode pasar. Iso sería o teatro burgués do século XIX, onde os personaxes eran puros estereotipos e un xa sabía como reaccionarían perante calquera acontecemento nada máis saíren a escena. Sempre conto unha anécdota que o resume moi ben. Durante o ensaio dunha obra de Pirandello, unha actriz díxolle que non era capaz de enternder ao seu personaxe: "Como é posible que diga isto na páxina 27 e despois, na 50, faga o contrario?". Pirandello respondeulle de forma brillante: " E a min que me conta? Eu só son o autor..."


(Tradución dun fragmento da entrevista que  Álex Vicente lle fai a Jean-Claude Carrière en  El País Semanal -13/9/2015-)

-Para saber máis do guionista, preme aquí -
-Suxestión: O texto narrativo. A construción do personaxe.

viernes, 11 de septiembre de 2015

"Palavras".... (Sónia Sultuane)




               As palavras que te dou
               são o que sou,
               são o que sinto,
               e como me sinto,
               essas são as minhas palavras: EU.



      Este poema aparece no proxecto Aló Irmao! o álbum publicado por Narf e por Manecas Costa, onde podemos escoitar o poema   Palavras.

( para saber máis da autora destes versos, preme aquí )
(para escoitares a versión musicada, aquí )

jueves, 3 de septiembre de 2015

Palabras.... para o comezo de curso -3 (Roberto L. Blanco Valdés)

   "(...) o ministro debería saber que os termos neno e reválida son incompatibles. Debería sabelo, si, pero non o sabe, ao igual que moitos españois, bastantes dos cales se dedican profesionalmente á docencia: todos os que sofren o mal da examinite.
Tal enfermidade, descrita nos libros de patoloxía pedagóxica como unha inflamación da confianza persoal na que todos os problemas educativos se resolven con máis esixencia e máis exames destinados a controlar o que memorizan os alumnos, provoca en España desde hai anos devastadores efectos no noso sistema de ensino.
Para os afectados pola examinite aguda, forma coa que o mal se manifesta por aquí, nin os estudantes de primaria e secundaria, nin os universitarios, teñen que aprender a falar en público, a relacionarse cos libros de forma natural e a manexalos con frecuencia e con soltura, a traballar en grupo, a aproveitar todas as posibilidades que nacen dun bo uso das novas tecnoloxías e a aprender o útil deixando o prescindible, dada a limitada capacidade da mente para acumular coñecementos. Non, as vítimas da examinite aguda -sexan profesores en universidades, escolas ou institutos- teñen o seu examina (órgano moi delicado) tan gravemente afectado polo virus que a provoca que chegaron a convencerse de que ensinar consiste en embutir (como o chourizo se embute nunha tripa) coñecementos, cantos máis mellor e anque sexa de forma atropelada, na mente dos nosos estudantes, someténdoos despois a controis permanentes para saber canto memorizaron.
   A obsesión coas reválidas, que forma parte desa terrible enfermidade que todo o cifra na memoria e os exames, chega ao punto de prescindir por completo da idade dos alumnos, o que explica que nenos de oito anos sexan tratados como os xoves que preparan notarías ou rexistros. Unha auténtica loucura.
   (...) Non hai solución para o noso sistema educativo mentres non aceptemos a evidencia de que as súas taras non teñen que ver coa falta de esixencia aos alumnos, senón con todo o contrario: cuns niveis de esixencia insensatos e enfermizos, baseados no tándem memoria-exame que fai dos profesores unha especie de xendarmes e trata de que os alumnos sexan como loros, aos que se lles esixe repetir o que se lles di incluso cando isto resulta inútil, desfasado ou incomprensible."

   Neste inicio curso que comeza así, neboento e ventoso, tan de outono... lembro esta lectura que xurdiu na primavera, cando todo é posible e xermolan novos aires... Se cadra non é este mal momento para unha reflexión...

-Tradución dun extracto de Las reválidas de Wert y el mal de la "examinitis" de Roberto L. Blanco Valdés. en EL OJO PÚBLICO de La Voz de Galicia (8-5-2015)-