Buscar este blog

miércoles, 4 de noviembre de 2015

Palabras de ... tolos ou visionarios ?

    Hai persoas que detectan tendencias de futuro que a maioría non ve. A propensión a rexeitar o descoñecido converte a moitos xenios en marxinados do seu tempo...

   TOLOS OU VISIONARIOS ???

    Na antigüidade, a partir do século VI antes de Cristo, o paradigma científico estaba protagonizado pola teoría xeocéntrica. É dicir, pola crenza de que o Sol e o resto de planetas xiraban arredor da Terra. E, en consecuencia, a Terra era o centro do universo. Ninguén cuestionaba nin poñía en dúbida esta forma de pensar. Tanto é así que todas as hipóteses acerca do universo desenvolvéronse a partir deses supostos. Co tempo, os máis eminentes pensadores e científicos -liderados polos filósofos Platón e Aristóteles- chegaron ao convencemento de que se trataba dunha verdade inmutable.
    Anos máis tarde, Aristarco de Samos atreveuse a cuestionar o statu quo científico da época, formulando a teoría heliocéntrica. Este sabio afirmaba que o Sol era o centro do universo e que a Terra e o resto de planetas xiraban ao seu redor. Daquela, a maioría dos seus colegas burláronse e opuxéronse á súa hipótese, que foi severamente criticada e condenada. Non en van, dar creto a esta nova teoría supoñía que eles estaban equivocados.
    Co paso dos séculos apareceron outros pensadores con novas maneiras de mirar e interpretar o universo. Entre eles destacou Nicolás Copérnico, quen retomou o relevo de Aristarco de Samos asegurando que a Terra xiraba sobre si mesma unha vez ao día, e que unha vez ao ano daba unha volta completa arredor do Sol. Dado que Copérnico contaba con elaborados cálculos matemáticos que sustentaban a súa hipótese, nesta ocasión a teoría heliocéntrica foi acollida con menos escepticismo.
    Cen anos máis tarde, e grazas aos avances tecnolóxicos, as hipóteses de Copérnico foron demostrados por Galileo Galilei. Coa axuda do telescopio -instrumento que el mesmo inventou-, desmontouse a falsidade inherente á teoría xeocéntrica, consagrando así a veracidade da heliocéntrica, descrita case dezaoito séculos atrás por Aristarco de Samos. Así foi como se produciu un dos máis importantes cambios do paradigma que experimentou a humanidade..


(tradución ao galego dun fragmento do artigo, de Borja Vilaseca, titulado ¿Locos o visionarios? recollido en El País Semanal do 1-11-2015)