Buscar este blog

miércoles, 11 de diciembre de 2013

Retratos de escola ... 7 (Manuel Álvarez Torneiro)

Soaba unha pingueira nunha tina de zinc,
alí, onde contaban a historia conveniente.

E chovía nos verbos, naquel nove entre cinco.
E a táboa do oito era outra mentira tan exacta;
e era outra mentira o mapa da parede sen o río da aldea.
Chovía nos vacíos das fórmulas e as frases,
na mañá de zotal e tinta fría.

E alí alguén soñou barricadas de estampas,
Cárpatos de ningures,
petos cheos de amoras, un brinco endomingado,
a saúde do seixo e o pentagrama
para fuxir dun mundo de aligacións e ángulos,
da mosca verdiazul do mediodía.

Soaba unha pingueira nunha tina de zinc.

¿Onde resiste quen foi pasquín de rebelión e escándalo?
¿En que tenda de praza-patrimonio vende sedas,
ou viño, ou mente con megáfono?
¿Onde é materia para un himno?
¿Fervor de que océano ou alcoba?
¿Onde home de proveito?¿Que guarismo?

E un día fundaron o castigo:
requisaron a luz nos seus depósitos,
as estrelas de lata, os acopios de mica,
algo do mar en soños outorgado
e puxeron a primeira inocencia contra a parede,
contra o mapa das patrias sen a patria,
sen o río da aldea.

Soaba unha pingueira nunha tina de zinc

Comezaba o inverno
a durar media vida.


     Fermoso poema no que o autor recrea a "escola" da Galicia dos anos 40-50.
  "aula de posguerra",  poemario  HABITANTE ÚNICO -1977- , de   Mauel Álvarez Torneiro ,          Premio Nacional de Poesía 2013.

-para saber máis do poeta, preme sobre o seu nome-

No hay comentarios: