Buscar este blog

viernes, 5 de septiembre de 2014

Palabras......para o comezo de curso -2 (Enrique Meneses)

    A escola de Chernovitz tiña un patio enorme onde formabamos filas para entrar na aula ou as rompiamos para xogar durante o recreo. Cando ordenados, de esquerda a dereita ían os alumnos aumentando en idade e curso.  No armario da aula gardábanse os libros que debían valer para os novos alumnos, no curso seguinte. Estaban perfectamente cubertos de papel azul mariño ou negro e non se permitía escribir nas súas páxinas, nin subliñar ou introducir comentarios aclaratorios. Un alumno encargábase de encher os tinteiros de porcelana branca que cada alumno tiña ante si. Non sei por qué razón, a tinta era sempre de cor morada. E contaba a maneira de de escribir coa plumiña para gótica ou para escritura inglesa. Nun recuncho da sala había unha estufa alimentada por leña e carbón e, por quendas, sempre había un alumno responsable de manter a aula quente. No rudo inverno de 1942, acadamos os 14ºC baixo cero e as restricións impedíannos abastecernos en madeira e carbón. Os pequenos foron desprazados á rue de Passy, ao colexios das rapazas, único que recibía madeira e carbón racionados. Nós, con doce ou trece anos, aguantabámonos cos abrigos postos e pasando as páxinas con grosas luvas de la. Na parede do corredor, onde estaban as perchas e deixabamos antes os nosos abrigos, agora só penduraban as nosas máscaras de gas...
    Volvín trinta anos despois....Agora todo me parecía pequeno, mesmo minúsculo. A perspectiva dun neno de dez anos non ten nada que ver coa dun adulto. O patio, agora, resultaba ser raquítico: ou medraran as miñas pernas ou encolleran os muros. Eu contemplaba todo dende a estatura física dos nosos profesores de 1940...
    Mademoiselle Seigner rondaría os corenta anos cando eu a tiña de mestra. Era forte, arroibada, como boa filla de campesiños, poderosa de peito, loira tinxida e con moitos rizos. Pero era a que me axudaba a ser un home, a que me empuxou a pasar a visita médica porque non vía ben. Os meus primeiros lentes débollos á educación pública francesa e a unha raza de mestres que sabían, mellor cós seus ministros de Educación, que a formación dun neno é unha inversión recuperable ao mil por cen.
     Aquela mestra marcoume para toda a vida porque, dende aquela, sinto unha grande animadversión  para todo aquel que está en contra da educación pública. Todo o que son, débollo a ela, incluída a orientación das miñas lecturas. Chorei, con trinta anos de atraso, naquel patio dunha escola pública francesa, sabendo que Mademoiselle Seigner morrera moitos anos antes. O conserxe lembrábaa ben. Nunca esquecerei cómo se inclinaba sobre o meu ombreiro para comprobar cómo escribía aquel españoliño que facía faltas de ortografía e manchaba os seus dedos con tinta violeta. Endexamais houbo un político en Francia que fixese máis polo seu país que Mademoiselle Seigner e o seu afán de formar homes. Non me avergoña ter os ollos embazados mentres escribo estas liñas. Esteas onde esteas, Mademoiselle Seigner: Grazas!


  (tradución dun fragmento de HASTA AQUÍ HEMOS LLEGADO, un relato autobiográfico emocionante do xornalista                     Enrique Meneses)
-Para saber máis do autor, preme sobre o enlace-

-Se queres reflexionar sobre o contido do texto, podes utilizar esta ficha de comprensión -

No hay comentarios: