Buscar este blog

miércoles, 27 de julio de 2011

descubrimos "a carreta" de J.R.J.


    No regato grande, que a choiva dilatou ata o viñedo, atopamos, atascada, unha vella carreta, perdida toda baixo a súa carga de herba e de laranxas. Unha nena, rota e enzoufada, choraba sobre unha roda, querendo axudar co empuxe do seu peitiño en flor ao burriquiño, máis pequeno, ai! e máis fraco que Prateiro. E o burrico eslombábase contra o vento, tentando, inutilmente, arrincar da lama a carreta, ao berro saloucante da pequecha. Era van o seu esforzo, coma o dos nenos valentes, coma o voo desas brisas cansas do verán que caen , nun desmaio, entre as flores.
   Aloumiñei a Prateiro e, como puiden, engancheino á carreta, diante do burrico malpocado. Obrigueino entón, cun agarimoso mandato, e Prateiro, dunha sentada, sacou carreta e asno do lameiro, e subiulles a encosta.
  Que sorrir o da rapaza! Foi coma se o sol do serán, que esmorecía, ao poñerse entre os nubeiros, en amarelos cristais, lle acendese unha aurora tras as súas tisnadas bágoas.
  Coa súa chorosa ledicia, ofreceume dúas escollidas laranxas, finas, pesadas, redondas. Tomeinas, agradecido, e deille unha ao burriquiño feble, como doce consolo; outra a Prateiro, como premio áureo.
                                           
                        (A carreta. Prateiro e mais eu ,cap.XXXVII. Juan Ramón Jiménez)

No hay comentarios: