Buscar este blog

lunes, 26 de diciembre de 2011

A distante, misteriosa letra da escritura....

   "...Xa non me quedaban moitos días na aula de costura. Coido que foron un par de semanas ou así. A ela tampouco. Dona Benita involucrárase demasiado -quizais- como para que uns ou outros llo pasasen por alto, e viámola tensa, preocupada, atenta ao mínimo movemento, rumor, preto do cuarto: a instrución de nenas, unha das poucas que había entón, e que os da Xuntas lle prometeran mellorar. Máis espazo, mobles, mesas, cadeiras e, sobre todo, libros. Libros, cadernos, papel. Para que puidésemos aprender a escribir. Todas saberedes ler e entender as cousas -dicíanos.
   A distante, misteriosa letra de escritura. Ningunha sabía. Coido que, con excepción da tendeira e -así, así- a Chiva, ningunha muller aprendera a ler, e moito menos a escribir en toda a vila. É a chave das cousas, rapazas -repetía, con voz cerimonial, a dona Benita-. A chave das cousas, da luz, da vosa felicidade. E eu seguía as evolucións da súa man coma se se tratase do voo dun paxaro, mentres trazaba aqueles elegantes as, aqueles maxestosos emes, aquel virar do quinqué e a plúmula, da tinta anil sobre as pautas. Se segues así, de aquí a pouco vaste poñer adiantada. Incitábame, cun toquiño na caluga e, entre vainica e vainica, deixábame usar xa o tinteiro, as follas de pauta e o papel secante..."
                                       
                                   (As fiandeiras. Antón Piñeiro)

No hay comentarios: