Buscar este blog

lunes, 23 de junio de 2014

Palabras para ...unha costureira ambulante (Manuel Rivas)

     "O que nunca domeou foi o lóstrego. Moito medo tiña da treboada.
E máis aínda cando se fixo costureira. Costureira ambulante. Aprendéronlle a costura coa Singer aos catorce anos. Cosía na casa, mais non era moito prosperar. Moitas veces pagaban con troco. Ti fas a roupa e eu douche uns ovos. Unhas patacas. Fariña. Mais nada comparábel ao día en que un fotógrafo, para pagar o que ela coseu para as fillas, lle fixo unha sesión. Non unha foto, senón unha sesión.
   Se os encargos non viñan, ou viñan poucos, había que ir buscalos. Ocorréuselle a ela e mais a unha amiga, María. Ser costureiras ambulantes. Ían coa Singer portátil enriba da cabeza de aldea en aldea. Atravesando montes e veigas. Polos carreiros e polas fondas corredoiras. Ás veces, acompañábaas unha terceira amiga. Non importaba se cosía ben ou mal. Cando ela cantaba, pasaba o que din da cotovía. Que espanta todos os medos. Que terma das nubes, dos tronos e dos lóstregos.(...)"

*Cadro costumista. Sirva de homenaxe a miña nai, que tamén foi, na súa mocidade, "costureira ambulante" na Galicia rural dos anos 40-50... que cantaba polos camiños para escorrentar os medos e que aínda hoxe non dá domeado o lóstrego. Este relato reaviva o recordo das palabras escoitadas tantas veces ...  Marabilloso Manuel Rivas!!!

*(fragmento de As voces baixas...de Manuel Rivas)

*Podemos aproveitar este texto par repasar a acentuación das palabras

   

No hay comentarios: