Buscar este blog

jueves, 5 de junio de 2014

Retratos de escola ... 8 (As voces baixas. Manuel Rivas)

"... Anos despois, na escola de Castro de Elviña, un día o mestre preguntounos que qué pensabamos ser de maiores. Non era o seu modelo a pedagoxía da participación así que ficamos nun silencio cauto e a velas vir. Que intención tiña a interrogante? Por que quería saber o que nós queriamos ser? Que era realmente o que quería oír? E entón, naquel silencio mudo, oíuse dende atrás como un aturuxo festeiro a voz de quen chamabamos o Roxo do Souto, que berrou: "Emigrantes!" E o mestre ficou sorprendido e nun silencio apesarado. A parede que daba ao exterior tiña o xeito dunha celosía de pavés. Cando se desprendía ou rompía algunha das pezas de vidro, tardaban moito en repoñela. Así que sempre había algún buraco á intemperie por onde asubiaba o vento ou pingaba a chuvia. Podería dicirse que os buracos aproveitaban eses intres de desconcerto para facerse notar. O mestre semellaba tomar conciencia deles, das faltas da parede, das manchas de humidade, do alucar da intemperie. El, que viña de falarnos dos tempos en que España era un grande Imperio "no que nunca se puña o sol". O que nos gustaba a el e a nós esa frase! Esa precisión solar facía máis próxima a historia. Estabamos nun lugar afastado, nun edificio deslucido, amoreados nun recanto os sacos de leite en po da axuda norteamericana, pero tamén o sol estaba alí, sen poñerse, de momento, e o mestre tiña a deferencia de implicarnos nunha gran xesta imperial. Dominaramos no mundo. Levaramos a cruz polo orbe. Aínda nós mesmos saïamos en colecta para salvar as almas dos meniños chineses. Mais agora o mestre viña de preguntar o que queriamos ou pensabamos ser de maiores e aquela voz sincera, xurdida do fondo da clase, tiña o efecto da caída dun pavés que escachizaba a historia no chan. Os nenos do Imperio soñaban con seren emigrantes. (...)


-Fragmento da novela As voces baixas de Manuel Rivas, publicada por Xerais...Recreación dunha escola de A Coruña dos primeiros anos sesenta-

-Para saber máis sobre o autor do texto, preme sobre o enlace que aparece na liña anterior-

No hay comentarios: