Buscar este blog

jueves, 3 de septiembre de 2015

Palabras.... para o comezo de curso -3 (Roberto L. Blanco Valdés)

   "(...) o ministro debería saber que os termos neno e reválida son incompatibles. Debería sabelo, si, pero non o sabe, ao igual que moitos españois, bastantes dos cales se dedican profesionalmente á docencia: todos os que sofren o mal da examinite.
Tal enfermidade, descrita nos libros de patoloxía pedagóxica como unha inflamación da confianza persoal na que todos os problemas educativos se resolven con máis esixencia e máis exames destinados a controlar o que memorizan os alumnos, provoca en España desde hai anos devastadores efectos no noso sistema de ensino.
Para os afectados pola examinite aguda, forma coa que o mal se manifesta por aquí, nin os estudantes de primaria e secundaria, nin os universitarios, teñen que aprender a falar en público, a relacionarse cos libros de forma natural e a manexalos con frecuencia e con soltura, a traballar en grupo, a aproveitar todas as posibilidades que nacen dun bo uso das novas tecnoloxías e a aprender o útil deixando o prescindible, dada a limitada capacidade da mente para acumular coñecementos. Non, as vítimas da examinite aguda -sexan profesores en universidades, escolas ou institutos- teñen o seu examina (órgano moi delicado) tan gravemente afectado polo virus que a provoca que chegaron a convencerse de que ensinar consiste en embutir (como o chourizo se embute nunha tripa) coñecementos, cantos máis mellor e anque sexa de forma atropelada, na mente dos nosos estudantes, someténdoos despois a controis permanentes para saber canto memorizaron.
   A obsesión coas reválidas, que forma parte desa terrible enfermidade que todo o cifra na memoria e os exames, chega ao punto de prescindir por completo da idade dos alumnos, o que explica que nenos de oito anos sexan tratados como os xoves que preparan notarías ou rexistros. Unha auténtica loucura.
   (...) Non hai solución para o noso sistema educativo mentres non aceptemos a evidencia de que as súas taras non teñen que ver coa falta de esixencia aos alumnos, senón con todo o contrario: cuns niveis de esixencia insensatos e enfermizos, baseados no tándem memoria-exame que fai dos profesores unha especie de xendarmes e trata de que os alumnos sexan como loros, aos que se lles esixe repetir o que se lles di incluso cando isto resulta inútil, desfasado ou incomprensible."

   Neste inicio curso que comeza así, neboento e ventoso, tan de outono... lembro esta lectura que xurdiu na primavera, cando todo é posible e xermolan novos aires... Se cadra non é este mal momento para unha reflexión...

-Tradución dun extracto de Las reválidas de Wert y el mal de la "examinitis" de Roberto L. Blanco Valdés. en EL OJO PÚBLICO de La Voz de Galicia (8-5-2015)-

No hay comentarios: