Buscar este blog

lunes, 23 de junio de 2014

Palabras para ...unha costureira ambulante (Manuel Rivas)

     "O que nunca domeou foi o lóstrego. Moito medo tiña da treboada.
E máis aínda cando se fixo costureira. Costureira ambulante. Aprendéronlle a costura coa Singer aos catorce anos. Cosía na casa, mais non era moito prosperar. Moitas veces pagaban con troco. Ti fas a roupa e eu douche uns ovos. Unhas patacas. Fariña. Mais nada comparábel ao día en que un fotógrafo, para pagar o que ela coseu para as fillas, lle fixo unha sesión. Non unha foto, senón unha sesión.
   Se os encargos non viñan, ou viñan poucos, había que ir buscalos. Ocorréuselle a ela e mais a unha amiga, María. Ser costureiras ambulantes. Ían coa Singer portátil enriba da cabeza de aldea en aldea. Atravesando montes e veigas. Polos carreiros e polas fondas corredoiras. Ás veces, acompañábaas unha terceira amiga. Non importaba se cosía ben ou mal. Cando ela cantaba, pasaba o que din da cotovía. Que espanta todos os medos. Que terma das nubes, dos tronos e dos lóstregos.(...)"

*Cadro costumista. Sirva de homenaxe a miña nai, que tamén foi, na súa mocidade, "costureira ambulante" na Galicia rural dos anos 40-50... que cantaba polos camiños para escorrentar os medos e que aínda hoxe non dá domeado o lóstrego. Este relato reaviva o recordo das palabras escoitadas tantas veces ...  Marabilloso Manuel Rivas!!!

*(fragmento de As voces baixas...de Manuel Rivas)

*Podemos aproveitar este texto par repasar a acentuación das palabras

   

jueves, 5 de junio de 2014

Retratos de escola ... 8 (As voces baixas. Manuel Rivas)

"... Anos despois, na escola de Castro de Elviña, un día o mestre preguntounos que qué pensabamos ser de maiores. Non era o seu modelo a pedagoxía da participación así que ficamos nun silencio cauto e a velas vir. Que intención tiña a interrogante? Por que quería saber o que nós queriamos ser? Que era realmente o que quería oír? E entón, naquel silencio mudo, oíuse dende atrás como un aturuxo festeiro a voz de quen chamabamos o Roxo do Souto, que berrou: "Emigrantes!" E o mestre ficou sorprendido e nun silencio apesarado. A parede que daba ao exterior tiña o xeito dunha celosía de pavés. Cando se desprendía ou rompía algunha das pezas de vidro, tardaban moito en repoñela. Así que sempre había algún buraco á intemperie por onde asubiaba o vento ou pingaba a chuvia. Podería dicirse que os buracos aproveitaban eses intres de desconcerto para facerse notar. O mestre semellaba tomar conciencia deles, das faltas da parede, das manchas de humidade, do alucar da intemperie. El, que viña de falarnos dos tempos en que España era un grande Imperio "no que nunca se puña o sol". O que nos gustaba a el e a nós esa frase! Esa precisión solar facía máis próxima a historia. Estabamos nun lugar afastado, nun edificio deslucido, amoreados nun recanto os sacos de leite en po da axuda norteamericana, pero tamén o sol estaba alí, sen poñerse, de momento, e o mestre tiña a deferencia de implicarnos nunha gran xesta imperial. Dominaramos no mundo. Levaramos a cruz polo orbe. Aínda nós mesmos saïamos en colecta para salvar as almas dos meniños chineses. Mais agora o mestre viña de preguntar o que queriamos ou pensabamos ser de maiores e aquela voz sincera, xurdida do fondo da clase, tiña o efecto da caída dun pavés que escachizaba a historia no chan. Os nenos do Imperio soñaban con seren emigrantes. (...)


-Fragmento da novela As voces baixas de Manuel Rivas, publicada por Xerais...Recreación dunha escola de A Coruña dos primeiros anos sesenta-

-Para saber máis sobre o autor do texto, preme sobre o enlace que aparece na liña anterior-

miércoles, 4 de junio de 2014

As estacións....das palabras (Manuel Rivas)

"Os dous podían ser moi silandeiros ou moi faladores. Aprendín que tamén a linguaxe tiña estacións. Días en que as palabras xermolaban, días de solaz nas bocas, días en que falaban soas, días en que caían dos labios follas secas e marchaban en remuíño lonxe da boca, cun rumbo resentido.(...)"


(fragmento recollido de As voces baixas, novela de Manuel Rivas publicada por Ed. Xerais no que se nos presenta a palabra como un elemento vivo que tamén ten os seus "caprichos")

-Para saber máis do autor, preme sobre o enlace que leva o seu nome-

lunes, 5 de mayo de 2014

Palabras...para interpretar ( A memoria da choiva )


  "-Xa... Mire:  se ben é verdade que existe algún poema de Rosalía no que se aborda de xeito explícito o asunto da vinganza, desde logo ese poema non é este. Agora ben, sería bo, señor, que tivese vostede en conta que a poesía e mais os prospectos medicinais teñen moi pouco que ver entre si.
     -Desculpe, pero agora si que non a sigo.
     -O que quero dicir, señor Vega, é que por fortuna non existe ningún tipo de expresión artística que veña co seu propio manual de instrucións, ningunha guía na que se nos indique como debe ser interpretado tal cadro ou lido tal verso. A poesía é a expresión dun sentimento, e cadaquén é libre de facer a lectura que mellor lle acaia, dentro duns límites máis ou menos razoables. Vinganzas ocultas en "unha vez tiven un cravo"? Pois, home, que quere que eu lle diga..."


  O autor da novela, a través dun dos seus personaxes, Sofía Deneb, invítanos a reflexionar sobre as claves da interpretación artística...


-fragmento da novela A memoria da choiva. Pedro Feijoo. Ed.Xerais. Para saber máis do escritor, preme sobre este enlace-

-se queres facer a "túa lectura" do poema mencionado no texto, preme sobre o enlace-

-poderías dicir en que poemas Rosalía de Castro aborda de xeito explícito o asunto da "vinganza"?


sábado, 3 de mayo de 2014

Palabras ....con clase (exercicios: clases de palabras)





     Se queres facer estes exercicios para traballar as "clases de palabras", preme aquí
Tamén podes poñer en práctica, coas persoas que te acompañan, este xogo.    

miércoles, 23 de abril de 2014

domingo, 13 de abril de 2014

Palabras... para un Cadro Sinóptico (texto: A astronomía)


 1.   Antes de facer un esquema de chaves, ou cadro sinóptico, bota unha ollada a este vídeo:

                 

2. Intenta agora facer o exercicio que se che propón neste enlace  (preme aquí)
3. se queres ver unha solución posible, preme aquí

sábado, 22 de marzo de 2014

Palabras que son versos (Eugénio de Andrade)

   O pasado 21 de marzo celebrouse o Día Mundial da Poesía,,,

                             
                                                               


                                                                        URGENTEMENTE
           

                         
                                               É urgente o amor.     
                                   É urgente um barco no mar.

                                          É urgente destruir certas palavras,
                                          ódio, solidão e crueldade,
                                          alguns lamentos,
                                          muitas espadas.

                                          É urgente inventar alegría,
                                          multiplicar os beijos, as searas,
                                          é urgente descobrir rosas e ríos
                                          e manhâs claras.

                                          Cai o silêncio nos ombros e a luz
                                          impura, até doer.
                                          É urgente o amor, é urgente 
                                          permanecer.

                                                                   Eugénio de Andrade

  Velaquí a nosa aportación

-Para saber máis, preme sobre os enlaces-

viernes, 21 de marzo de 2014

Das nosas palabras (Manuel Murguía)

"¡O noso idioma! O que falaron os nosos pais e vamos esquencendo, o que falan os aldeáns e nos achamos a ponto de non entendelo; aquel en que cantaron reis e trobadores; o que, fillo maor da pátrea gallega, nola conservou e conserva coma un don da providencia; o que aínda ten nos nosos labres as dozuras eternas e acentos que van ó corazón; o que agora oídes coma si fose un himno relixioso; o hermoso, o nobre idioma que do outro lado dese río é léngoa oficial que serve a máis de cinte milóns de homes e ten unha literatura representada polos nomes gloriosos de Camoens e Vieira, de Garret e de Herculano; o gallego, en fin, que é o que nos dá dereito á enteira posesión da terra en que fomos nados, que nos di que, pois somos un pobo distinto, debemos selo; que nos pormete o porvir que procuramos, e nos dá a certeza de que ha de ser fecundo en bens pra todos nós. Nel, coma en vaso sagrado en que se axuntan todos os prefumes, áchanse os principaes elementos da nosa nacionalidade, de novo negada, e, aínda máis, escarnecida. Doulle o celta a súa dozura e a maor parte do seu vocabulario; o romano afirmouno; ten do suevo as inflesións; do noso corazón, o acento falagador; e os brandos sonos, e os sentimentos das razas célticas. Un tanto femininos, é certo, pro que se tempran no valor heroico dos seus fillos. Léngoa distinta -di o aforismo político- acusa distinta nacionalidade. Digámolo nós tamén, se nos cómpre, con maor firmeza aínda, e poñamos de nós o que faga falla, pra que sea pra sempre esta léngoa en consonancia co noso esprito, e feita coma ningunha outra pra a espresión dunha literatura tan oposta ó xenio da de Castilla como é esta que nós temos"

                 (Manuel Murguía -Do discurso nos Xogos Frorais de Tui-)

-Para saber máis sobre o autor destas palabras, preme sobre o seu nome-
-Para saber máis do evento literario, preme sobre o enlace que leva o seu nome-

miércoles, 5 de marzo de 2014

Xogos....de palabras (Xosé Mª Díaz Castro)

        
         Nesta serie de xogos, creados a partir do poemario NIMBOS ( Xosé Mª Díaz Castro ), o obxectivo primordial é o achegamento, desde a lectura e a reflexión, sempre de xeito desenfadado e lúdico, a esta obra representativa das nosas Letras galegas, especialmente neste 2014.


                    0.... Observacións previas -para as persoas moderadoras na realización dos xogos-

                  1. "Que lle pasa ao texto?"
             2. "Enchemos baleiros"
             3. "Palabras cambiadas"
             4. "Completar poema"
             5. "Emparellamos versos"
             6. "Encaixamos versos"
             7. "Ordenamos estrofas"
             8. "Partes de Nimbos"
             9. "Verso desordenado"
            10."Encrucillado"


                                 -se queres xogar, preme sobre cada un dos enlaces-
                                -para saber máis de Xosé María Díaz Castro, preme sobre o seu nome -

viernes, 3 de enero de 2014

Nas marxes da Palabra (Peter Jenny)

" Cando era pequeno, tiven a sorte de ter un profesor que, ao rematar unha redacción sobre calquera tema, deixábanos encher con garabatos as marxes das follas. Case sen nos decatar, desenvolvemos a nosa propia
cultura do garabato. Ao meu profesor non lle importaba a creatividade, el só quería aproveitar ben o escaso subministro de folios. Isto deunos unha grande liberdade á hora de expresármonos. Así, rematabamos expresándonos de xeito máis auténtico nas marxes dos folios que nas propias redaccións. Como era de esperar, as redaccións facíanse máis e máis curtas e as marxes (os nosos lenzos) cada vez máis amplos. Os debuxos foron conquistando discretamente cada vez máis espazo nos nosos folios. Incluso mentres faciamos exercicios de cálculo, chegamos a desenvolver un mundo paralelo a carón dos números, para desgraza do inspector de educación, que non sabía moi ben cómo avaliar estes debuxos."


( Tradución dun fragmento da Introdución a "Dibujo anatómico" de Peter Jenny )

Palabras ... para un relato (Dans la maison)