Buscar este blog

jueves, 3 de septiembre de 2015

Palabras.... para o comezo de curso -3 (Roberto L. Blanco Valdés)

   "(...) o ministro debería saber que os termos neno e reválida son incompatibles. Debería sabelo, si, pero non o sabe, ao igual que moitos españois, bastantes dos cales se dedican profesionalmente á docencia: todos os que sofren o mal da examinite.
Tal enfermidade, descrita nos libros de patoloxía pedagóxica como unha inflamación da confianza persoal na que todos os problemas educativos se resolven con máis esixencia e máis exames destinados a controlar o que memorizan os alumnos, provoca en España desde hai anos devastadores efectos no noso sistema de ensino.
Para os afectados pola examinite aguda, forma coa que o mal se manifesta por aquí, nin os estudantes de primaria e secundaria, nin os universitarios, teñen que aprender a falar en público, a relacionarse cos libros de forma natural e a manexalos con frecuencia e con soltura, a traballar en grupo, a aproveitar todas as posibilidades que nacen dun bo uso das novas tecnoloxías e a aprender o útil deixando o prescindible, dada a limitada capacidade da mente para acumular coñecementos. Non, as vítimas da examinite aguda -sexan profesores en universidades, escolas ou institutos- teñen o seu examina (órgano moi delicado) tan gravemente afectado polo virus que a provoca que chegaron a convencerse de que ensinar consiste en embutir (como o chourizo se embute nunha tripa) coñecementos, cantos máis mellor e anque sexa de forma atropelada, na mente dos nosos estudantes, someténdoos despois a controis permanentes para saber canto memorizaron.
   A obsesión coas reválidas, que forma parte desa terrible enfermidade que todo o cifra na memoria e os exames, chega ao punto de prescindir por completo da idade dos alumnos, o que explica que nenos de oito anos sexan tratados como os xoves que preparan notarías ou rexistros. Unha auténtica loucura.
   (...) Non hai solución para o noso sistema educativo mentres non aceptemos a evidencia de que as súas taras non teñen que ver coa falta de esixencia aos alumnos, senón con todo o contrario: cuns niveis de esixencia insensatos e enfermizos, baseados no tándem memoria-exame que fai dos profesores unha especie de xendarmes e trata de que os alumnos sexan como loros, aos que se lles esixe repetir o que se lles di incluso cando isto resulta inútil, desfasado ou incomprensible."

   Neste inicio curso que comeza así, neboento e ventoso, tan de outono... lembro esta lectura que xurdiu na primavera, cando todo é posible e xermolan novos aires... Se cadra non é este mal momento para unha reflexión...

-Tradución dun extracto de Las reválidas de Wert y el mal de la "examinitis" de Roberto L. Blanco Valdés. en EL OJO PÚBLICO de La Voz de Galicia (8-5-2015)-

domingo, 5 de julio de 2015

Palabras... para unha "cita..." - pleonasmo ? - (Alex Grijelmo)

<< ...  A palabra "cita" vén significar que dúas ou máis persoas concertan unha hora, un día e un lugar para atoparse. E como non podía ocorrer doutra forma, tal sinalamento debe ser acordado previamente. De nada serve citarse para onte, ou para o mes pasado. Resultaría de todo punto de vista ineficaz citarse para hai dous anos e medio (....)
...  A palabra "cita" leva a proxectar esa idea cara a un momento que está por vir; é dicir, un momento que converte inexorablemente á cita en previa a el, un momento que non ten máis remedio que ser posterior a ela se de verdade queremos que se trate dunha cita.
    Na  vida real, ninguén  di que concertou cunhas amigas "unha cita previa" para cear (....)
...   A publicidade oficial fará ben en suxerirnos, pois, que concertemos unha cita, establezamos unha cita, pidamos unha cita, tramitemos unha cita. E que acudamos así a resolver os nosos asuntos mediante cita, cunha cita, despois dunha cita. "Cita previa" é un pleonasmo como "libro con páxinas" ou "cadáver morto": e o pleonasmo soe suxerir que quen cae nel perdeu o verdadeiro valor dunha palabra.  >>
 
  
(-Tradución de varios fragmentos do artigo Las citas siempre son previas, de Álex Grijelmo, publicado no xornal El País o 5-xullo-2015)

Reflexión: O PLEONASMO...ten a mesma función na "VIDA REAL" que na "VIDA LITERARIA"?? 
Suxestión: repasar  os usos do MODO SUBXUNTIVO... Por que aparece tantas veces neste texto??

lunes, 25 de mayo de 2015

Palabras con ortografía e sintaxe... para unha imaxe! (Álex Grijelmo)






 





A ORTOGRAFÍA E A SINTAXE
 SON A ROUPA QUE POÑEN OS NOSOS ARGUMENTOS PARA SAÍR Á RÚA.




   A gramática e a súa aplicación axeitada serven para ordenar as ideas e construílas de forma máis intelixible. A ortografía e a sintaxe son a roupa que poñen os nosos argumentos para saír á rúa. Con ela obsérvannos os demais e con ela fanse unha idea de como somos.
   Chama a atención que alguén poida argüír que as présas e o corazón lle fixeron escribir así ("o corazón foi máis rápido cá cabeza"- .... -). Pero esa mesma persoa que descoida o seu aspecto ortográfico non tería asistido xamais a unha estrea no Pazo da Música vestida coa roupa de facer ximnasia, nin explicaría despois que non tivo tempo de cambiarse e que se estaba deixando levar polas présas e polo seu corazón de deportista. Aínda a imaxe física provoca máis preocupación e suscita maior interese que a roupaxe intelectual.

-tradución dun fragmento do artigo de Álex Grijelmo, EL ABECÉ DEL CANDIDATO,recollido en El País, o domingo 17 de maio de 2015-
-a imaxe da entrada foi tomada no pub "De sastre" de Baiona.Pontevedra,

viernes, 15 de mayo de 2015

LETRAS GALEGAS (Mini e Mero)



Nestes días nos que andamos a voltas coas homenaxes ás nosas LETRAS e á nosa CULTURA...     Un agasallo!!


- Para saber máis dos cantautores, podes utilizar este enlace -

jueves, 9 de abril de 2015

Palabras...para "contar"


    Para reflexionar un pouco sobre as historias que nos contaron, e   que aínda contamos...,
   podes... entrar neste enlace
             ... ver esta estupenda presentación e realizar as tarefas que nela se propoñen.
   Por último, xa sen axuda, trata de completar este texto
  
    (De novo,   agradecementos aos seus autores!!!...)
    

miércoles, 8 de abril de 2015

Palabras... para a publicidade

                       
Para ti, que estás empezando a traballar coa publicidade, pode ser moi útil botar unha ollada a esta presentación xenerosamente compartida desde Portugal...  Agradecementos aos autores.
                               Publicidade - características  from  Becre Forte da Casa

jueves, 26 de marzo de 2015

Palabras... en Roma (Javier Reverte)


....E todas as campás de Roma resoan riseiras. E sinto alegría de estar aquí...

     Luns, novembro de 2013    

   Día frío, airado, de vento agreste que esfiaña a bandeira española que ondea na terraza da Academia. Nubes grises galopan polas alturas do ceo, sobre o Gianícolo. Pero no horizonte montañoso son brancas, agárranse aos cumes e crean a impresión de que o cordal Albano ten recibido as primeiras neves. Non dan ganas de pisar a rúa e quedo toda a mañá lendo e escribindo.
   Cando saio a comer, o ceo, por mor do aire frío, reloce como a folla dun coitelo recén afiado, mentres que o aire me corta o nariz. Roma brilla baixo a luz conxelada do mediodía. As gaivotas e as grallas xogan co aire, como avións, e as árbores de tronco livián forman unha triste ondada verde nas cadeiras do Gianícolo. Moi a miúdo sinto envexa dos paxaros e, con frecuencia, teño soños nos que aprendo a voar.
   Pero Roma resulta fermosa baixo a luz prateada do mediodía, como o rostro dunha muller antiga fuxido dun camafeo...



-Tradución dun breve fragmento de Un otoño romano, de Javier Reverte- 

-seguimos a voltas coas   figuras literarias... -        
-para reflexionar sobre algunhas figuras, podes usar esta ficha -

lunes, 20 de octubre de 2014

palabras que importan....EN EL NOMBRE DE LA HIJA (Ecuador)


                                                                                                                                                                                                                                                                              

En el Nombre de la Hija  é unha deliciosa película ecuatoriana  escrita e dirixida pola cineasta Tania Hermida...

Data da estrea: 7 de novembro de 2011
Directora: Tania Hermida
Duración: 108 minutos
Música composta por: Nelson García
Guión: Tania Hermida
Reparto:Pancho Aguire,   Eva Mayu Mecham Benavides,Sebastián Hormachea,Martina León

-para saber máis, preme sobre os enlaces-

A sedución das palabras (Álex Grijelmo) ...FIGURAS RETÓRICAS




               "As imaxes significan e evocan; as palabras tamén. As imaxes
         simbolizan; igual que as palabras. As representacións dunha idea
         poden alterar a maneira en que é sentida por un receptor.
         Así sucede tamén coas palabras.
         A sedución simbólica non só reside nas voces do noso acervo.
         O cerebro,..., percibe en primeiro lugar o son dos vocábulos, e a
         continuación descodifícaos; e despois averigua se o concepto 
         identificado se atopa ou non no dicionario mental. Unha vez que
         accede ao seu significado, procésao coa adición de cantos matices
         teña coñecido esa palabra. Pero no caso de que se trate dun termo
         que descoñeza tamén poden prosperar os mecanismos da sedución.
         Ignórase o significado, mais cóntase co son. O poder da fonética
         emerxe entón con toda a súa capacidade. E o son evoca a miúdo 
         outros mundos. A sedución opera entón por reflexo: a palabra 
         carente de significado proxecta, non obstante, a idea sobre algo
                                            que fascina ou que cremos superior...só polo seu son.



-tradución dun fragmento do libro de Álex Grijelmo, La seducción de las palabras-

-podemos aproveitar este momento para repasar as  figuras retóricas -

-para reflexionar sobre o contido do texto, podes utilizar esta  ficha -

-para repasar algunhas figuras retóricas podes empregar este pequeno xogo -

domingo, 5 de octubre de 2014

Palabras....con sabor a lúa (Gioconda Belli) ... SUBSTANTIVOS




              Despois da revolución dos sobreviventes refuxiáronse cada quen
na súa burbulla. A xeración crecida baixo a sombra do fin dese experimento é crítica e cínica. Escoitan as historias dos pais e secretamente repróchanlles terlles escatimado os  soños e só como herdanzas a desilusión, o desengano. A súa maneira de rebelarse é a apatía, o ensimesmamento, a pretensión do desinterese. É a xeración da tecnoloxía, a do mundo cibernético das mensaxes de texto, e as computadoras, conectados pero desconectados, afeitos á distancia e a se sacrificar no altar das profesións, o éxito empresarial, o diñeiro. Até os novos médicos, os xoves internos, carecían da vocación apaixonada polo oficio. El lembra a sensación de poder ao descubrir a verdade da ciencia, aínda a inexacta ciencia da medicina. Un chegaba a sentirse próximo aos Deuses, árbitro entre a vida e a morte. Os médicos noveis de agora decidían a súa especialidade conforme ao mercado, ao máis cotizado. (...)


-Tradución libre dun fragmento da novela El intenso calor de la luna, de Gioconda Belli -
-Para saber máis preme sobre este enlace-

(Para unha reflexión sobre os substantivos -tan abundantes neste texto- preme aquí )

viernes, 3 de octubre de 2014

Lingua minoritaria......??


               

Convén reflexionar sobre o efecto que causan en nós algunhas palabras....("minoritaria")... cómo nos condicionan, cómo inflúen no noso modo de ver e sentir a realidade que nos rodea ...

-Grazas a Vero por me pasar este vídeo;  grazas tamén aos autores por telo feito e compartido-

-Para reflexionar sobre os conceptos de lingua minoritaria / lingua minorizada ... preme aquí
Grazas á autora por esta presentación-

                                                   

miércoles, 24 de septiembre de 2014

Palabras... para unha reportaxe filmada (Enrique Meneses)

"...Axiña me dei conta de que os xornalistas que utilizabamos non comprendían o significado da reportaxe filmada. Tratábana como se fose a publicarse sobre o soporte papel nunha revista ou nun diario. (...)
   Cando se realiza un filme comercial, pártese dun guión e un découpage que permite rodar escenas acrónicas pero necesariamente desordenadas para abaratar custos. Non se vai e se volve a un lugar para seguir a cronoloxía senón que todo o que ten que suceder no escenario X se filma ao mesmo tempo.
   Se se vai realizar unha reportaxe sobre a Guerra do Congo (Miguel de la Quadra-Salcedo,1965), non se pode ir cun guión feito porque, xustamente, vaise para descubrir o que está a suceder. Non serve ningún guión previo. Este vaise ir facendo conforme suceden os acontecementos.
  Cando o xornalista regresa á súa base -ou envía o material a casa- ten unha escaleta construída mercé ao que viviu e filmou. A escaleta é como o esqueleto. Despois hai que superpoñerlle a carne e recubrir coa pel. Costou non pouco habituar ao equipo a traballar desta maneira, totalmente á inversa da que se practicaba daquela e que era a do cine comercial con guión. Introducín outras normas. Por exemplo, a montaxe debe facerse unha vez que a imaxe, limpa de erros e descartes, está montada segundo a escaleta. Logo, escríbese un texto que evite narrar o que o espectador está vendo na imaxe. A música móntase de atrás cara a diante para que o fin coincida cun cambio de secuencia. Esa era outra! había reporteiros que regresaban afirmando ter vinte horas de filmación, pero, á hora de visionar, decatabámonos de que o número de secuencias era mínimo. As entrevistas eran a chorro aberto. Para min unha secuencia media debe ter 30 segundos. (...)"



(Tradución dun fragmento de "Hasta aquí hemos llegado", apaixonante relato autobiográfico de Enrique Menenses)

-Para saber máis sobre o autor deste texto, preme sobre o enlace-