Buscar este blog

Mostrando entradas con la etiqueta Gramática. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Gramática. Mostrar todas las entradas

domingo, 5 de julio de 2015

Palabras... para unha "cita..." - pleonasmo ? - (Alex Grijelmo)

<< ...  A palabra "cita" vén significar que dúas ou máis persoas concertan unha hora, un día e un lugar para atoparse. E como non podía ocorrer doutra forma, tal sinalamento debe ser acordado previamente. De nada serve citarse para onte, ou para o mes pasado. Resultaría de todo punto de vista ineficaz citarse para hai dous anos e medio (....)
...  A palabra "cita" leva a proxectar esa idea cara a un momento que está por vir; é dicir, un momento que converte inexorablemente á cita en previa a el, un momento que non ten máis remedio que ser posterior a ela se de verdade queremos que se trate dunha cita.
    Na  vida real, ninguén  di que concertou cunhas amigas "unha cita previa" para cear (....)
...   A publicidade oficial fará ben en suxerirnos, pois, que concertemos unha cita, establezamos unha cita, pidamos unha cita, tramitemos unha cita. E que acudamos así a resolver os nosos asuntos mediante cita, cunha cita, despois dunha cita. "Cita previa" é un pleonasmo como "libro con páxinas" ou "cadáver morto": e o pleonasmo soe suxerir que quen cae nel perdeu o verdadeiro valor dunha palabra.  >>
 
  
(-Tradución de varios fragmentos do artigo Las citas siempre son previas, de Álex Grijelmo, publicado no xornal El País o 5-xullo-2015)

Reflexión: O PLEONASMO...ten a mesma función na "VIDA REAL" que na "VIDA LITERARIA"?? 
Suxestión: repasar  os usos do MODO SUBXUNTIVO... Por que aparece tantas veces neste texto??

lunes, 25 de mayo de 2015

Palabras con ortografía e sintaxe... para unha imaxe! (Álex Grijelmo)






 





A ORTOGRAFÍA E A SINTAXE
 SON A ROUPA QUE POÑEN OS NOSOS ARGUMENTOS PARA SAÍR Á RÚA.




   A gramática e a súa aplicación axeitada serven para ordenar as ideas e construílas de forma máis intelixible. A ortografía e a sintaxe son a roupa que poñen os nosos argumentos para saír á rúa. Con ela obsérvannos os demais e con ela fanse unha idea de como somos.
   Chama a atención que alguén poida argüír que as présas e o corazón lle fixeron escribir así ("o corazón foi máis rápido cá cabeza"- .... -). Pero esa mesma persoa que descoida o seu aspecto ortográfico non tería asistido xamais a unha estrea no Pazo da Música vestida coa roupa de facer ximnasia, nin explicaría despois que non tivo tempo de cambiarse e que se estaba deixando levar polas présas e polo seu corazón de deportista. Aínda a imaxe física provoca máis preocupación e suscita maior interese que a roupaxe intelectual.

-tradución dun fragmento do artigo de Álex Grijelmo, EL ABECÉ DEL CANDIDATO,recollido en El País, o domingo 17 de maio de 2015-
-a imaxe da entrada foi tomada no pub "De sastre" de Baiona.Pontevedra,

miércoles, 2 de julio de 2014

Palabras..... alternativas (Manuel Rivas)



Linguaxe xestual
                                        "... Entendíanse moi ben os dous en silencio.
O operario do serradoiro vestía sempre unha funda azul de traballo e tiña en verdade un aspecto de personaxe lendario. Un ar argonauta que perdera a fala nalgunha illa onde roubaban as palabras. Corpulento e áxil asemade, puña todo o seu corpo a producir signos cando quería expresar algo. Xa que logo, era o veciño máis comunicativo da contorna. Meu avó escoitaba cos ollos, ficaba pensativo ou asentía. Podían estar así horas. Era unha anatomía enteira a filosofar, a exclamar coas pestanas, a subliñar coas cellas, a escribir no ar cos brazos, coas mans, os dedos a compoñer ideogramas. Un día estragouse a fonte. Non botaba auga polo cano. E o mudo, moi competente en toda maquinaria, comezou a explicar o problema á rolda de veciños. Non usaba palabras, mais na atención de todos reflectíase a extraordinaria elocuencia. A enerxía do seu corpo falante. O xeito en que debuxaba no ar o camiño todo da auga. A lei dos vasos comunicantes. Cando rematou, a auga volveu a manar polo cano. Non podía ser doutra maneira. Toda a xente estaba convencida. Sería unha vergoña para a auga o non saír. (...)"


(Para reflexionar sobre distintos aspectos da linguaxe, preme aquí. Tamén podes obter información complementaria premendo sobre a imaxe... )

lunes, 23 de junio de 2014

Palabras para ...unha costureira ambulante (Manuel Rivas)

     "O que nunca domeou foi o lóstrego. Moito medo tiña da treboada.
E máis aínda cando se fixo costureira. Costureira ambulante. Aprendéronlle a costura coa Singer aos catorce anos. Cosía na casa, mais non era moito prosperar. Moitas veces pagaban con troco. Ti fas a roupa e eu douche uns ovos. Unhas patacas. Fariña. Mais nada comparábel ao día en que un fotógrafo, para pagar o que ela coseu para as fillas, lle fixo unha sesión. Non unha foto, senón unha sesión.
   Se os encargos non viñan, ou viñan poucos, había que ir buscalos. Ocorréuselle a ela e mais a unha amiga, María. Ser costureiras ambulantes. Ían coa Singer portátil enriba da cabeza de aldea en aldea. Atravesando montes e veigas. Polos carreiros e polas fondas corredoiras. Ás veces, acompañábaas unha terceira amiga. Non importaba se cosía ben ou mal. Cando ela cantaba, pasaba o que din da cotovía. Que espanta todos os medos. Que terma das nubes, dos tronos e dos lóstregos.(...)"

*Cadro costumista. Sirva de homenaxe a miña nai, que tamén foi, na súa mocidade, "costureira ambulante" na Galicia rural dos anos 40-50... que cantaba polos camiños para escorrentar os medos e que aínda hoxe non dá domeado o lóstrego. Este relato reaviva o recordo das palabras escoitadas tantas veces ...  Marabilloso Manuel Rivas!!!

*(fragmento de As voces baixas...de Manuel Rivas)

*Podemos aproveitar este texto par repasar a acentuación das palabras

   

lunes, 3 de junio de 2013

...Pronomes??


 Unha pequena xoia que nos achega á utilidade dunha clase de palabras: Os pronomes
 Agradecemento aos seus creadores -para saber máis, preme sobre o enlace-


 

miércoles, 10 de abril de 2013

O "punto e coma"... existe

  
                                        "Coas primeiras luces do día comeza a rodar a vida. De madrugada o panadeiro amasa o pan; os barcos de pesca fanse á mar; polas estradas converxen cara ás grandes urbes os camións cargados de mercancías; os labregos ao campo; os pais levan os seus fillos ao colexio; os executivos, oficinistas e obreiros chegan á fábrica; erguen o peche os comercios; rodan os autobuses e o suburbán na cidade transportando ríos de xente, a cadaquén cara aos seus afáns; nos hospitais ábrense os quirófanos; os estudantes enchen as aulas; nos mercados escóitanse os berros dos tendeiros animando as vendas de carne, peixe, froitas e hortalizas; nas redaccións dos xornais comeza a prepararse o número do día seguinte mentres as edicións dixitais rodan nas pantallas sen deterse xamais; pode que a calquera hora do día ou da noite un escritor estea escribindo un libro, unha parella estea a namorarse e cidadáns anónimos estean proxectando os seus soños sobre o futuro. Esta é a roda da vida..."



 -tradución libre dun fragmento do artigo de Manuel Vicent titulado AIRE LIMPIO, recollido no xornal El País o domingo 7 de abril de 2013- 

lunes, 25 de febrero de 2013

Polisemia-s................................. (O Carrabouxo)





  Velaquí esta marabillosa viñeta de  O Carrabouxo...  aquí vola deixo para repasar o concepto de "polisemia" (cando unha palabra ten varios significados. No dicionario hai unha soa entrada con distintas acepcións)


      -para saber máis de O Carrabouxo, preme sobre o enlace-

sábado, 19 de mayo de 2012

"Poesía e Arte : os Signos de Puntuación ... !?"

         

     No parque madrileño do Retiro, dentro do Pazo de cristal, sorprendeume a "instalación" de Soledad Sevilla titulada             
                                               "ESCRITO EN LOS CUERPOS CELESTES" 
                                      
    Esta fotografía que mostro recolle tan só un brevísimo fragmento...                                                          

                                        (para ver e saber máis da instalación, preme sobre o título da obra)

    -Para unha reflexión sobre estes signos de puntuación, podes visitar este enlace -