Buscar este blog
miércoles, 8 de abril de 2015
Palabras... para a publicidade
Para ti, que estás empezando a traballar coa publicidade, pode ser moi útil botar unha ollada a esta presentación xenerosamente compartida desde Portugal... Agradecementos aos autores.
jueves, 26 de marzo de 2015
Palabras... en Roma (Javier Reverte)
....E todas as campás de Roma resoan
riseiras. E sinto alegría de estar aquí...
Luns, novembro de 2013
Día frío, airado, de vento agreste
que esfiaña a bandeira española que ondea na terraza da Academia.
Nubes grises galopan polas alturas do ceo, sobre o Gianícolo. Pero
no horizonte montañoso son brancas, agárranse aos cumes e crean a
impresión de que o cordal Albano ten recibido as primeiras
neves. Non dan ganas de pisar a rúa e quedo toda a mañá lendo e
escribindo.
Cando saio a comer, o ceo, por mor do
aire frío, reloce como a folla dun coitelo recén afiado, mentres
que o aire me corta o nariz. Roma brilla baixo a luz conxelada do
mediodía. As gaivotas e as grallas xogan co aire, como avións, e as
árbores de tronco livián forman unha triste ondada verde nas
cadeiras do Gianícolo. Moi a miúdo sinto envexa dos paxaros e, con
frecuencia, teño soños nos que aprendo a voar.
Pero Roma resulta fermosa baixo a luz
prateada do mediodía, como o rostro dunha muller antiga fuxido dun
camafeo...
-Tradución dun breve fragmento de Un otoño romano, de Javier Reverte-
-seguimos a voltas coas figuras literarias... -
-para reflexionar sobre algunhas figuras, podes usar esta ficha -
-para reflexionar sobre algunhas figuras, podes usar esta ficha -
lunes, 20 de octubre de 2014
palabras que importan....EN EL NOMBRE DE LA HIJA (Ecuador)
En el Nombre de la Hija é unha deliciosa película ecuatoriana escrita e dirixida pola cineasta Tania Hermida...
Data da estrea: 7 de novembro de 2011
Directora: Tania Hermida
Duración: 108 minutos
Música composta por: Nelson García
Guión: Tania Hermida
Reparto:Pancho Aguire, Eva Mayu Mecham Benavides,Sebastián Hormachea,Martina León
-para saber máis, preme sobre os enlaces-
A sedución das palabras (Álex Grijelmo) ...FIGURAS RETÓRICAS
"As imaxes significan e evocan; as palabras tamén.
As imaxes
simbolizan;
igual que as palabras. As representacións dunha idea
poden alterar
a maneira en que é sentida por un receptor.
Así sucede
tamén coas palabras.
A
sedución simbólica non só reside nas voces do noso acervo.
O cerebro,...,
percibe en primeiro lugar o son dos vocábulos, e a
continuación
descodifícaos; e despois averigua se o concepto
identificado se atopa ou non no dicionario mental. Unha vez que
accede ao seu significado, procésao coa adición de cantos matices
teña coñecido esa palabra. Pero no caso de que se trate dun termo
que descoñeza tamén poden prosperar os mecanismos da sedución.
Ignórase o significado, mais cóntase co son. O poder da fonética
emerxe entón con toda a súa capacidade. E o son evoca a miúdo
outros mundos. A sedución opera entón por reflexo: a palabra
carente de significado proxecta, non obstante, a idea sobre algo
que fascina ou que cremos superior...só polo seu son.
-tradución dun fragmento do libro de Álex Grijelmo, La seducción de las palabras-
-podemos aproveitar este momento para repasar as figuras retóricas -
-para reflexionar sobre o contido do texto, podes utilizar esta ficha -
-para repasar algunhas figuras retóricas podes empregar este pequeno xogo -
-podemos aproveitar este momento para repasar as figuras retóricas -
-para reflexionar sobre o contido do texto, podes utilizar esta ficha -
-para repasar algunhas figuras retóricas podes empregar este pequeno xogo -
jueves, 9 de octubre de 2014
Que....palabras ?? (stop motion. Giangrande-Paper Plane)
Giangrande - Paper Plane (Official Video) from gianluca maruotti on Vimeo.
Estupenda animación... estimula os nosos sentidos e as nosas palabras. Parabéns aos autores.
domingo, 5 de octubre de 2014
Palabras....con sabor a lúa (Gioconda Belli) ... SUBSTANTIVOS
Despois da revolución dos sobreviventes refuxiáronse cada quen
na súa burbulla. A xeración crecida baixo a sombra do fin dese experimento é crítica e cínica. Escoitan as historias dos pais e secretamente repróchanlles terlles escatimado os soños e só como herdanzas a desilusión, o desengano. A súa maneira de rebelarse é a apatía, o ensimesmamento, a pretensión do desinterese. É a xeración da tecnoloxía, a do mundo cibernético das mensaxes de texto, e as computadoras, conectados pero desconectados, afeitos á distancia e a se sacrificar no altar das profesións, o éxito empresarial, o diñeiro. Até os novos médicos, os xoves internos, carecían da vocación apaixonada polo oficio. El lembra a sensación de poder ao descubrir a verdade da ciencia, aínda a inexacta ciencia da medicina. Un chegaba a sentirse próximo aos Deuses, árbitro entre a vida e a morte. Os médicos noveis de agora decidían a súa especialidade conforme ao mercado, ao máis cotizado. (...)
-Tradución libre dun fragmento da novela El intenso calor de la luna, de Gioconda Belli -
viernes, 3 de octubre de 2014
Lingua minoritaria......??
Convén reflexionar sobre o efecto que causan en nós algunhas palabras....("minoritaria")... cómo nos condicionan, cómo inflúen no noso modo de ver e sentir a realidade que nos rodea ...
-Grazas a Vero por me pasar este vídeo; grazas tamén aos autores por telo feito e compartido-
-Para reflexionar sobre os conceptos de lingua minoritaria / lingua minorizada ... preme aquí.
Grazas á autora por esta presentación-
miércoles, 24 de septiembre de 2014
Palabras... para unha reportaxe filmada (Enrique Meneses)
"...Axiña
me dei conta de que os xornalistas que utilizabamos non comprendían
o significado da reportaxe filmada. Tratábana como se fose a
publicarse sobre o soporte papel nunha revista ou nun diario. (...)
Cando
se realiza un filme comercial, pártese dun guión e un découpage
que permite rodar escenas
acrónicas pero necesariamente desordenadas para abaratar custos. Non
se vai e se volve a un lugar para seguir a cronoloxía senón que
todo o que ten que suceder no escenario X se
filma ao mesmo tempo.
Se
se vai realizar unha reportaxe sobre a Guerra do Congo (Miguel de la
Quadra-Salcedo,1965), non se pode ir cun guión feito porque,
xustamente, vaise para descubrir o que está a suceder. Non serve
ningún guión previo. Este vaise ir facendo conforme suceden os
acontecementos.
Cando
o xornalista regresa á súa base -ou envía o material a casa- ten
unha escaleta construída mercé
ao que viviu e filmou. A escaleta é como o esqueleto. Despois hai
que superpoñerlle a carne e recubrir coa pel. Costou non pouco
habituar ao equipo a traballar desta maneira, totalmente á inversa
da que se practicaba daquela e que era a do cine comercial con guión.
Introducín outras normas. Por exemplo, a montaxe debe facerse unha
vez que a imaxe, limpa de erros e descartes, está montada segundo a
escaleta. Logo, escríbese un texto que evite narrar o que o
espectador está vendo na imaxe. A música móntase de atrás cara a
diante para que o fin coincida cun cambio de secuencia. Esa era
outra! había reporteiros que regresaban afirmando ter vinte horas de
filmación, pero, á hora de visionar, decatabámonos de que o número
de secuencias era mínimo. As
entrevistas eran a chorro aberto. Para min unha secuencia media debe
ter 30 segundos. (...)"
(Tradución
dun fragmento de "Hasta aquí hemos llegado", apaixonante
relato autobiográfico de Enrique Menenses)
-Para saber máis sobre o autor deste texto, preme sobre o enlace-
-Para saber máis sobre o autor deste texto, preme sobre o enlace-
viernes, 5 de septiembre de 2014
Palabras......para o comezo de curso -2 (Enrique Meneses)
A escola de Chernovitz tiña un patio enorme onde formabamos filas para entrar na aula ou as rompiamos para xogar durante o recreo. Cando ordenados, de esquerda a dereita ían os alumnos aumentando en idade e curso. No armario da aula gardábanse os libros que debían valer para os novos alumnos, no curso seguinte. Estaban perfectamente cubertos de papel azul mariño ou negro e non se permitía escribir nas súas páxinas, nin subliñar ou introducir comentarios aclaratorios. Un alumno encargábase de encher os tinteiros de porcelana branca que cada alumno tiña ante si. Non sei por qué razón, a tinta era sempre de cor morada. E contaba a maneira de de escribir coa plumiña para gótica ou para escritura inglesa. Nun recuncho da sala había unha estufa alimentada por leña e carbón e, por quendas, sempre había un alumno responsable de manter a aula quente. No rudo inverno de 1942, acadamos os 14ºC baixo cero e as restricións impedíannos abastecernos en madeira e carbón. Os pequenos foron desprazados á rue de Passy, ao colexios das rapazas, único que recibía madeira e carbón racionados. Nós, con doce ou trece anos, aguantabámonos cos abrigos postos e pasando as páxinas con grosas luvas de la. Na parede do corredor, onde estaban as perchas e deixabamos antes os nosos abrigos, agora só penduraban as nosas máscaras de gas...
Volvín trinta anos despois....Agora todo me parecía pequeno, mesmo minúsculo. A perspectiva dun neno de dez anos non ten nada que ver coa dun adulto. O patio, agora, resultaba ser raquítico: ou medraran as miñas pernas ou encolleran os muros. Eu contemplaba todo dende a estatura física dos nosos profesores de 1940...
Mademoiselle Seigner rondaría os corenta anos cando eu a tiña de mestra. Era forte, arroibada, como boa filla de campesiños, poderosa de peito, loira tinxida e con moitos rizos. Pero era a que me axudaba a ser un home, a que me empuxou a pasar a visita médica porque non vía ben. Os meus primeiros lentes débollos á educación pública francesa e a unha raza de mestres que sabían, mellor cós seus ministros de Educación, que a formación dun neno é unha inversión recuperable ao mil por cen.
Aquela mestra marcoume para toda a vida porque, dende aquela, sinto unha grande animadversión para todo aquel que está en contra da educación pública. Todo o que son, débollo a ela, incluída a orientación das miñas lecturas. Chorei, con trinta anos de atraso, naquel patio dunha escola pública francesa, sabendo que Mademoiselle Seigner morrera moitos anos antes. O conserxe lembrábaa ben. Nunca esquecerei cómo se inclinaba sobre o meu ombreiro para comprobar cómo escribía aquel españoliño que facía faltas de ortografía e manchaba os seus dedos con tinta violeta. Endexamais houbo un político en Francia que fixese máis polo seu país que Mademoiselle Seigner e o seu afán de formar homes. Non me avergoña ter os ollos embazados mentres escribo estas liñas. Esteas onde esteas, Mademoiselle Seigner: Grazas!
(tradución dun fragmento de HASTA AQUÍ HEMOS LLEGADO, un relato autobiográfico emocionante do xornalista Enrique Meneses)
-Para saber máis do autor, preme sobre o enlace-
-Se queres reflexionar sobre o contido do texto, podes utilizar esta ficha de comprensión -
-Para saber máis do autor, preme sobre o enlace-
-Se queres reflexionar sobre o contido do texto, podes utilizar esta ficha de comprensión -
miércoles, 2 de julio de 2014
Palabras..... alternativas (Manuel Rivas)
"... Entendíanse moi ben os dous en silencio.
O operario do serradoiro vestía sempre unha funda azul de traballo e tiña en verdade un aspecto de personaxe lendario. Un ar argonauta que perdera a fala nalgunha illa onde roubaban as palabras. Corpulento e áxil asemade, puña todo o seu corpo a producir signos cando quería expresar algo. Xa que logo, era o veciño máis comunicativo da contorna. Meu avó escoitaba cos ollos, ficaba pensativo ou asentía. Podían estar así horas. Era unha anatomía enteira a filosofar, a exclamar coas pestanas, a subliñar coas cellas, a escribir no ar cos brazos, coas mans, os dedos a compoñer ideogramas. Un día estragouse a fonte. Non botaba auga polo cano. E o mudo, moi competente en toda maquinaria, comezou a explicar o problema á rolda de veciños. Non usaba palabras, mais na atención de todos reflectíase a extraordinaria elocuencia. A enerxía do seu corpo falante. O xeito en que debuxaba no ar o camiño todo da auga. A lei dos vasos comunicantes. Cando rematou, a auga volveu a manar polo cano. Non podía ser doutra maneira. Toda a xente estaba convencida. Sería unha vergoña para a auga o non saír. (...)"
(Para reflexionar sobre distintos aspectos da linguaxe, preme aquí. Tamén podes obter información complementaria premendo sobre a imaxe... )
lunes, 23 de junio de 2014
Palabras para ...unha costureira ambulante (Manuel Rivas)
"O que nunca domeou foi o lóstrego. Moito medo tiña da treboada.
E máis aínda cando se fixo costureira. Costureira ambulante. Aprendéronlle a costura coa Singer aos catorce anos. Cosía na casa, mais non era moito prosperar. Moitas veces pagaban con troco. Ti fas a roupa e eu douche uns ovos. Unhas patacas. Fariña. Mais nada comparábel ao día en que un fotógrafo, para pagar o que ela coseu para as fillas, lle fixo unha sesión. Non unha foto, senón unha sesión.
Se os encargos non viñan, ou viñan poucos, había que ir buscalos. Ocorréuselle a ela e mais a unha amiga, María. Ser costureiras ambulantes. Ían coa Singer portátil enriba da cabeza de aldea en aldea. Atravesando montes e veigas. Polos carreiros e polas fondas corredoiras. Ás veces, acompañábaas unha terceira amiga. Non importaba se cosía ben ou mal. Cando ela cantaba, pasaba o que din da cotovía. Que espanta todos os medos. Que terma das nubes, dos tronos e dos lóstregos.(...)"
*Cadro costumista. Sirva de homenaxe a miña nai, que tamén foi, na súa mocidade, "costureira ambulante" na Galicia rural dos anos 40-50... que cantaba polos camiños para escorrentar os medos e que aínda hoxe non dá domeado o lóstrego. Este relato reaviva o recordo das palabras escoitadas tantas veces ... Marabilloso Manuel Rivas!!!
*(fragmento de As voces baixas...de Manuel Rivas)
*Podemos aproveitar este texto par repasar a acentuación das palabras
jueves, 5 de junio de 2014
Retratos de escola ... 8 (As voces baixas. Manuel Rivas)
"... Anos despois, na escola de Castro de Elviña, un día o mestre preguntounos que qué pensabamos ser de maiores. Non era o seu modelo a pedagoxía da participación así que ficamos nun silencio cauto e a velas vir. Que intención tiña a interrogante? Por que quería saber o que nós queriamos ser? Que era realmente o que quería oír? E entón, naquel silencio mudo, oíuse dende atrás como un aturuxo festeiro a voz de quen chamabamos o Roxo do Souto, que berrou: "Emigrantes!" E o mestre ficou sorprendido e nun silencio apesarado. A parede que daba ao exterior tiña o xeito dunha celosía de pavés. Cando se desprendía ou rompía algunha das pezas de vidro, tardaban moito en repoñela. Así que sempre había algún buraco á intemperie por onde asubiaba o vento ou pingaba a chuvia. Podería dicirse que os buracos aproveitaban eses intres de desconcerto para facerse notar. O mestre semellaba tomar conciencia deles, das faltas da parede, das manchas de humidade, do alucar da intemperie. El, que viña de falarnos dos tempos en que España era un grande Imperio "no que nunca se puña o sol". O que nos gustaba a el e a nós esa frase! Esa precisión solar facía máis próxima a historia. Estabamos nun lugar afastado, nun edificio deslucido, amoreados nun recanto os sacos de leite en po da axuda norteamericana, pero tamén o sol estaba alí, sen poñerse, de momento, e o mestre tiña a deferencia de implicarnos nunha gran xesta imperial. Dominaramos no mundo. Levaramos a cruz polo orbe. Aínda nós mesmos saïamos en colecta para salvar as almas dos meniños chineses. Mais agora o mestre viña de preguntar o que queriamos ou pensabamos ser de maiores e aquela voz sincera, xurdida do fondo da clase, tiña o efecto da caída dun pavés que escachizaba a historia no chan. Os nenos do Imperio soñaban con seren emigrantes. (...)
-Fragmento da novela As voces baixas de Manuel Rivas, publicada por Xerais...Recreación dunha escola de A Coruña dos primeiros anos sesenta-
-Para saber máis sobre o autor do texto, preme sobre o enlace que aparece na liña anterior-
miércoles, 4 de junio de 2014
As estacións....das palabras (Manuel Rivas)
"Os dous podían ser moi silandeiros ou moi faladores. Aprendín que tamén a linguaxe tiña estacións. Días en que as palabras xermolaban, días de solaz nas bocas, días en que falaban soas, días en que caían dos labios follas secas e marchaban en remuíño lonxe da boca, cun rumbo resentido.(...)"
(fragmento recollido de As voces baixas, novela de Manuel Rivas publicada por Ed. Xerais no que se nos presenta a palabra como un elemento vivo que tamén ten os seus "caprichos")
-Para saber máis do autor, preme sobre o enlace que leva o seu nome-
-Para saber máis do autor, preme sobre o enlace que leva o seu nome-
Suscribirse a:
Entradas (Atom)



