Buscar este blog

sábado, 10 de septiembre de 2011

O sabor das palabras

   "A miña inxestión, ao primeiro, era tosca, orxiástica, descentrada, noxenta -dábame igual emprendela a dentelladas con Faulkner que con Flaubert-, pero axiña comecei a percibir sutís diferenzas. Decateime, ao principio, de que cada libro posuía un sabor distinto -doce, amargo, acedo, agredoce, rancio, salgado, ácido- e segundo foi pasando o tempo e os meus sentidos ganaban en agudeza, cheguei a captar o sabor de cada páxina, de cada frase e, finalmente, de cada palabra: todas traían canda si unha ordenación de imaxes, representacións mentais de cousas que eu descoñecía por completo, dada a miña limitada experiencia do chamado mundo real: rañaceos, portos, cabalos, caníbales, unha árbore florecida, unha cama sen facer, unha muller afogada, un rapaz voador, unha cabeza cortada, servos da gleba que erguen a cabeza ao escoitar o ouleo dun idiota, o asubío dun tren, un río, unha balsa, o sol entrando ao sesgo nun bosque de bidueiros, a man que aloumiña unha coxa núa, unha choupana na xungla, un monxe que está a morrer.
   Ao comezo limitábame a comer, roendo e mastigando, tan feliz, seguindo os ditados do meu gusto. Pero axiña empecei a ler, un pouco por aquí, outro pouco por alá, nos bordos das miñas comidas. E segundo transcorría o tempo fun lendo máis e mastigando menos, para rematar pasando practicamente todas as horas de vixilia a ler e comendo só as marxes..."

                                       (Firmin. Capítulo 2. Sam Savage)

Palabras pintadas

  Non nos bicamos mentres estamos sentados no sofá, e nunca intentei colocar o meu brazo máis abaixo do seu pescozo. Debo recoñecer que ás veces me pregunto qué aspecto terá Amy  espida. A imaxe que aparece no meu maxín é moi similar a ese famoso nu que pintou  ...... Agora non me lembro. Era español, un gran mestre antigo, e pintou á mesma muller dúas veces tumbada nun diván, nun cadro  vestida  e no outro  núa . Terei que buscalo na enciclopedia. Amy vai sempre tan vestida, con todas as cremalleiras e os botóns ben abrochados, e tan severamente enfundada nas súas capas e capas de roupas, dispostas con todo coidado, que resulta difícil imaxinala completamente despida, agás no baño, e mesmo alí apostaría algo a que se cubre de escuma.

                                           (Terapia.Primeira parte. David Lodge)

   De que famoso pintor se fala no texto?  
   De que cadros?
   
(Podes averigualo premendo sobre as palabras e signos destacados)
  

viernes, 9 de septiembre de 2011

para escribir un "diario"...

   Entregueille esta descrición a Alexandra, que, tras botarlle unha ollada, me preguntou: <isto é todo?> Díxenlle que había anos que non escribira un texto tan longo. <Non ten parágrafos, por que?>,díxome entón, e expliqueille que perdera a práctica de dividir os textos en parágrafos porque me afixera a escribir diálogos máis ou menos longos, así que aquela descrición de min mesmo case podía considerarse un monólogo. <Só podo escribir de min coma se estivese falando con alguén>, díxenlle. (E é certo. Boa mostra diso é este diario; aínda que non teño a menor intención de deixarllo ler a ninguén, non podo eviar escribilo dirixíndome a "vostedes". Non teño idea de quen poderían ser "vostedes". Simplemente, uns imaxinarios oídos que se mostrarán comprensivos comigo...


                               (Terapia.Primeira parte. David Lodge)


(Queda por definir, de entre as subliñadas, a palabra "diario". Como poderímos facelo?...)

                              

lunes, 5 de septiembre de 2011

Harold Bloom (crítico literario)

"Para min, ler é a única maneira de darlle sentido á vida"
                           ( Harold Bloom-publicado en EL PAÍS, domingo 4-09-2011-)

jueves, 1 de septiembre de 2011

A palabra como único recurso -a descrición-

  "Hai unhas semanas, Alexandra díxome que escribise unha breve descrición de min mesmo. Atopei aquel exercicio a mar de interesante. Supoño que foi iso o que me deu a idea de comezar a escribir este...o que queira que sexa. Diario. Memorias. Confesións. Ata agora, só escribira para a escena: pezas curtas, guións, obras teatrais. Desde logo, en todo guión para a televisión hai algunhas descricións: indicacións verbo dos decorados, notas para que o encargado do reparto escolla os intérpretes ("JUDY é unha loira parva e moi fermosa de vinte e tantos anos"), pero nada detallado, nada analítico, fóra dos diálogos. Nisto se basea a televisión, no diálogo. No diálogo dos personaxes. Ben, e tamén na infinidade de puntiños que forman a imaxe no tubo de raios catódicos. A mensaxe transmítese por medio da imaxe, que che di onde estás, ou dos diálogos, que che explican qué pensan e senten os personaxes, e ás veces nin sequera son necesarias as palabras para iso: abonda cun encollemento de ombros ou cunha ollada de asombro. En troques, cando escribes un libro tes que recorrer ás palabras para todo: a conduta e o aspecto dos personaxes, os seus pensamentos e os seus sentimentos, todo. Descúbrome perante os escritores de libros... "
                      ( Terapia. Primeira parte. David Lodge )
 

viernes, 26 de agosto de 2011

a maxia da palabra impresa

 " Son máxicos os instantes nos que un neno se decata de que pode ler as palabras impresas.
  Durante un tempo, Francie só sabía pronunciar as letras unha a unha, para logo xuntar os sons e
formar unha palabra. Pero un día, mentres folleaba un libro, a palabra <<rato>> pareceulle completa e de inmediato adquiriu sentido. Mirou a palabra e a imaxe dun rato gris estampouse na súa cabeza.
Seguiu lendo e cando enxergou a palabra <<cabalo>>, oíu os golpes dos seus cascos no chan e viu o sol
coruscar nas súas crinas. A palabra <<correndo>> golpeouna de súpeto, e ela comezou a acorar, coma se de verdade estivese correndo. A barreira entre o son de cada letra e o sentido dunha palabra enteira caera.
Agora, dunha simple ollada, a palabra reveláballe o seu sentido. Leu rapidamente unhas páxinas e estivo a piques de desmaiarse pola emoción. Quería vocealo ao mundo enteiro: SABÍA LER! SABÍA LER!
 Dende entón o mundo fíxose seu a través da lectura. Nunca máis se sentiría soa,..."


                        (Unha árbore medra en Brooklyn, cap.XXII. Betty Smith)





jueves, 28 de julio de 2011

Uxío Novoneyra desde Guitiriz

                                     
                      Así viron ao poeta os meus alumnos e alumnas  de 4º de ESO no curso 2009-10. Sirva de homenaxe a UXÍO NOVONEYRA e a todas as persoas que colaboraron para que este traballo fose posible.
 

en defensa d@s mestr@s...

   Menos mal que sempre hai quen se acorde e quen nos defenda...!

 

miércoles, 27 de julio de 2011

descubrimos "a carreta" de J.R.J.


    No regato grande, que a choiva dilatou ata o viñedo, atopamos, atascada, unha vella carreta, perdida toda baixo a súa carga de herba e de laranxas. Unha nena, rota e enzoufada, choraba sobre unha roda, querendo axudar co empuxe do seu peitiño en flor ao burriquiño, máis pequeno, ai! e máis fraco que Prateiro. E o burrico eslombábase contra o vento, tentando, inutilmente, arrincar da lama a carreta, ao berro saloucante da pequecha. Era van o seu esforzo, coma o dos nenos valentes, coma o voo desas brisas cansas do verán que caen , nun desmaio, entre as flores.
   Aloumiñei a Prateiro e, como puiden, engancheino á carreta, diante do burrico malpocado. Obrigueino entón, cun agarimoso mandato, e Prateiro, dunha sentada, sacou carreta e asno do lameiro, e subiulles a encosta.
  Que sorrir o da rapaza! Foi coma se o sol do serán, que esmorecía, ao poñerse entre os nubeiros, en amarelos cristais, lle acendese unha aurora tras as súas tisnadas bágoas.
  Coa súa chorosa ledicia, ofreceume dúas escollidas laranxas, finas, pesadas, redondas. Tomeinas, agradecido, e deille unha ao burriquiño feble, como doce consolo; outra a Prateiro, como premio áureo.
                                           
                        (A carreta. Prateiro e mais eu ,cap.XXXVII. Juan Ramón Jiménez)

martes, 26 de julio de 2011

lunes, 25 de julio de 2011

O neno parvo




    SEMPRE QUE VOLVIAMOS POLA RÚA DE SAN XOSÉ, estaba o neno parvo na porta da súa casa, sentado na súa cadeiriña, mirando o pasar dos outros. Era un deses pobres nenos a quen non lle chega nunca o don da palabra nin o regalo da graza; neno alegre el e triste de ver; todo para a súa nai, nada para os máis.
    Un día, cando pasou pola rúa branca aquel mal vento negro, non vin xa o neno na súa porta. Cantaba un paxaro no solitario limiar, e eu lembreime de Curros, pai máis ca poeta, que, cando quedou sen o seu neno, lle preguntaba por el á bolboreta galega:

                                                "volvoreta d'aliñas douradas..."

    Agora que vén a primavera, penso no neno parvo, que dende a rúa de San Xosé marchou ao ceo.Estará sentado na súa cadeiriña, á beira das rosas senlleiras, vendo cos seus ollos, abertos outra vez, o dourado pasar dos gloriosos.
                                                 
                                    (cap.XVII. PRATEIRO E MAIS EU, Juan Ramón Jiménez)

jueves, 21 de julio de 2011

o segredo está en...

"-  Nai, son nova. Teño dezaoito anos, son forte. Vou traballar duro. Pero non quero que esta criatura medre para ser unha simple besta de carga. Que debo facer, nai, que é o que debo facer para construír un futuro mellor para ela? Como podo comezar?

  - O segredo está en saber ler e escribir: Ti sabes ler. Todos os días debes lerlle á túa filla unha páxina dalgún libro; todos os días ata que ela aprenda a ler. Entón ela deberá ler todos os días. Ése é o segredo...·
                                                                                       
                                               (Unha árbore medra en Brookyn. Betty Smith)

martes, 19 de julio de 2011

óleo de TRINIDAD OSORIO

Non sei nada do artista. só o seu nome e que é de orixe mexicana. Buscaba unha carreta e atopei esta "carreta con flores" que me pareceu estupenda polo seu contido e polas cores tan alegres e vivas como o blog que imaxinaba  na miña cabeza, así que a tomei prestada para que todos poidamos gozar dela.