(...)
Sen chegar a tales extremos de utilidade -a salvación dunha
carreira actoral ou de todo o planeta-, está claro que a literatura,
desde o principio dos tempos, sempre serviu para moito máis que a
tan simple como complexa distracción e ancestral divertimento de que
nos conten unha boa historia.
Xa o escravo de Nerón e filósofo estoico Epicteto afirmaba que a
lectura equivalía ao adestramento dun atleta antes de entrar ao
estadio da vida, e que o seu propósito final era o de alcadar a paz
suprema. Pero a lectura de ficcións serve, ademais, xa desde a
infancia, como ferramenta para fortalecer o pensamento abstracto,
para comprender a percepción do paso do tempo e estimular a
imaxinación, para entender o curso narrativo de todas as cousas,
para aprender a diferenciar entre o ficticio e o verídico e o
posible e imposible (sen ter que renunciar a nada), para que se
cuestionen ou se potencien as nosas ideas e crenzas, para a
comprensión de conceptos como destino e éxito e fracaso e,
finalmente, para evadirnos da prisión dos nosos días na busca de
mil e unha noites e paisaxes e experiencias, que dificilmente
poderíamos explorar ou vivir desde os nosos dormitorios e oficinas.
Dío Jojen nun dos grandes éxitos editoriais dos últimos tempos, a
saga Juego de
tronos, de George R. R. Martin: "Un lector vive centos
de vidas antes de morir. O home que no le vive só unha". E, si,
non é posible vivir unha vida que non pode imaxinarse.
Así, a literatura é un catálogo de posibles existencias que nos
axudarán a formar e conformar a nosa. E o dito por Jojen -xa que
estamos- tamén é aplicable á idea de ler nada máis que Juego
de tronos. O de sentirse exculpado de todo repetindo iso de que
as series de televisión son a nova gran literatura sen antes ter
pasado por Shakespeare ou Dante ou Cervantes ou Tolstói ou Dickens
ou Nabokov ou Borges e seguen as sinaturas. E nunca esquecerei as
palabras daquel cuxo nome non direi pero que, orgulloso, me lanzou un
"eu non leo ficción, porque non me gusta que me conten
mentiras". Que en paz descanse aínda que siga vivo, ou iso crea
el.
O non ler, pola contra, non ten ningunha vantaxe e si demasiados
efectos residuais. E ese virtual fin da soidade que é a de pasar a
vida emitindo e recibindo refachos de máis ou menos 140 caracteres
(e palabras abreviadas e emoticonas e selfies acerca
de asuntos polo xeral pouco transcendentes) non é un bo consello nin
conselleiro. Mirar non é o mesmo que ver e, moito menos, que
ler. E, si, non son tempos fáciles para o asunto: cada vez saboréase
menos materia nobre, os best-sellers están peor feitos con
cada superventas que pasa, e o suposto oasis do libro
electrónico resultou ser un espellismo: alí dentro máis alá
desa novidade tonto-mesiánica á Marvel Comics que
permitía soster toda unha biblioteca cunha soa man e da excitación
supostamente ético-contracultural da descarga ilegal, o fenómeno
probou ser -como tantos outros de aquí e agora- un triunfo da forma
sobre o fondo, e do envase por riba do contido (...)
Mentres tanto e ata entón, abundan os tan amenos coma ominosos
ensaios -o pioneiro Elegías
a Gutenberg, de Sven Birkerts, e o máis recente
Superficiales, de Nicholas
Carr- onde se advirte de que vivimos na "idade da
distracción" onde impera aquel "demasiado de nada" ao
que lle cantaba Bob Dylan, e se predí a fin do don da lectura. E,
polo tanto, tamén da escritura que algunha soubo conformar a gran
literatura decimonónica e consagrou a novela como forma sublime e
contedora de todas as cousas deste mundo e do infinito e más aló
anterior a Google. Unha maxia sen truco que fai das nosas bibliotecas
unha sorte de bioteca: unha biografía alternativa e
correndo paralela ao noso pasaxeiro paso por aquí (...)
Ler pode facerte máis feliz?, preguntábase un ensaio de hai
uns meses na revista The
New Yorker. A súa autora, a narradora e antropóloga social
Ceridwen Dovey, aseguraba que si. Eu, que xa o sabía, en cambio,
prefiro ameazar cun non ler seguro que te fai máis tonto. Moito máis
tonto do que pensas. Máis que iso que estás pensando (...)
(Tradución ao galego dalgúns fragmentos do artigo escrito por RODRIGO FRESÁN para El País, o 7 de febreiro de 2016)
(Se queres ler o artigo completo -non ten desperdicio- preme sobre o seguinte enlace:
http://cultura.elpais.com/cultura/2016/02/03/actualidad/1454497660_313853.html)
No hay comentarios:
Publicar un comentario