Buscar este blog

sábado, 18 de febrero de 2012

palabras...que compartimos (poema de Lois Pereiro)



¿Que lle podo ofrecer a quen me intente?
Días contados de paixón inerte
e amor eterno sempre compartido
coa débeda obrigada a unha existencia
amortizada en pagos usuarios
conxugando os verbos vivir e amar
en primeira persoa do plural
reducidos ás formas de presente.
¿Que lle podo ofrecer a quen me intente
se son un fío solto da esperanza
tecida e destecida
por Penélope?


                                                     (poema de LOIS PEREIRO......)

domingo, 8 de enero de 2012

Miguel de Cervantes (escritor)

   "o que le moito e anda moito, ve moito e sabe moito"
                                       
                                                                                        (Miguel de Cervantes)




        (...se che interesa saber máis sobre o autor, preme sobre o seu nome)

lunes, 26 de diciembre de 2011

A distante, misteriosa letra da escritura....

   "...Xa non me quedaban moitos días na aula de costura. Coido que foron un par de semanas ou así. A ela tampouco. Dona Benita involucrárase demasiado -quizais- como para que uns ou outros llo pasasen por alto, e viámola tensa, preocupada, atenta ao mínimo movemento, rumor, preto do cuarto: a instrución de nenas, unha das poucas que había entón, e que os da Xuntas lle prometeran mellorar. Máis espazo, mobles, mesas, cadeiras e, sobre todo, libros. Libros, cadernos, papel. Para que puidésemos aprender a escribir. Todas saberedes ler e entender as cousas -dicíanos.
   A distante, misteriosa letra de escritura. Ningunha sabía. Coido que, con excepción da tendeira e -así, así- a Chiva, ningunha muller aprendera a ler, e moito menos a escribir en toda a vila. É a chave das cousas, rapazas -repetía, con voz cerimonial, a dona Benita-. A chave das cousas, da luz, da vosa felicidade. E eu seguía as evolucións da súa man coma se se tratase do voo dun paxaro, mentres trazaba aqueles elegantes as, aqueles maxestosos emes, aquel virar do quinqué e a plúmula, da tinta anil sobre as pautas. Se segues así, de aquí a pouco vaste poñer adiantada. Incitábame, cun toquiño na caluga e, entre vainica e vainica, deixábame usar xa o tinteiro, as follas de pauta e o papel secante..."
                                       
                                   (As fiandeiras. Antón Piñeiro)

domingo, 11 de diciembre de 2011

O aforcado de San Xoán

      
                                    A ver se adiviñas a palabra. Veña, di unha letra!  
                           

                       (para xogar coas palabras...tomámolo emprestado do Blog "Primeira Lingua")

lunes, 5 de diciembre de 2011

o 3D da palabra: a metáfora ...(O carteiro de Neruda)

   "Neruda soltou a agarradoira do portón, e acariñou o queixelo.
-Mario Jiménez, á parte de Odas elementais teño libros moito mellores. É indigno que me sometas a todo tipo de comparacións e metáforas.
-Don Pablo?
-Metáforas, home!
-Que son esa-Es cousas?
   O poeta puxo unha man sobre o ombro do rapaz.
-Para aclararcho máis ou menos imprecisamente, son modos de dicir unha cousa comparándoa con outra.
-Déame un exemplo.
   Neruda mirou o seu reloxo e suspirou.
-Ben, cando ti dis que o ceo está chorando. Que é o que queres dicir?
-Que fácil! Que está chovendo, vaia.
-Ben, iso é unha metáfora.
-E, por que, se é unha cousa tan fácil, se chama tan complicado?
-Porque os nomes non teñen nada que ver coa simplicidade ou complicidade das cousas. Segundo a túa teoría, unha cousa pequeniña que voa non debería ter un nome tan longo como bolboreta. Pensa que elefante ten a mesma cantidade de letras que bolboreta e é moito máis grande e non voa -concluíu Neruda exhausto. Cun resto de ánimo, indicoulle a Mario o rumbo cara á enseada. Pero o carteiro tivo a prestancia de dicir:
-Carafio que me gustaría ser poeta!
-Home! En Chile todos son poetas. É máis orixinal que sigas sendo carteiro. Polo menos camiñas moito e non engordas. En chile todos os poetas somos un pouco cuóns.
   Neruda retomou a agarradeira da porta, e dispoñíase a entrar, cando Mario ollando o voo dun paxaro invisible, dixo:
-É que se fose poeta podería dicir o que quero.

                      (El cartero de Neruda, Antonio Skármeta)

    

Se queres máis información, preme sobre as palabras destacadas.

sábado, 5 de noviembre de 2011

Shakespeare (dramaturgo)

   " o mundo enteiro é un gran teatro "
                                 
                      William Shakespeare

a vinganza sérvese con palabras...

<<...Xa supoñía eu que tiña un namorado. Sen dúbida estanse abrazando como fan nos libros...El dille "ámote"? E ela? É... a súa amante?, pensou con vergonza e repugnancia, mesturadas cunha escura ansiedade: "Libre, soa cun home...qué feliz se sentirá...Irán ao Bois,  sen dúbida. Ogallá mamá os pillase...Ah, canto me gustaría! -díxose apertando os puños-. Pero non, os namorados soen ter sorte, son felices, están xuntos, abrázanse...O mundo está cheo de homes e mulleres que se aman...Por que eu non?"
  A súa carteira de colexiala randeaba colgando das súas mans. Mirouna con xenreira, despois salaiou, xirou paseniño sobre os talóns e atravesou o patio. Chegaba tarde. A señorita Isabelle diría: "É que non che ensinan que a puntualidade é o primeiro deber dunha rapaza ben educada para cos seus profesores, Antoinette?
  "É parva, vella e fea..." pensou con exasperación. ...>>

                                                             (El baile. Irène Némirovsky)

miércoles, 26 de octubre de 2011

As palabras da historia

 
    Velaquí unha fosa común setenta e cinco anos despois de que deixasen caer nela, ás toas, os corpos dos mortos. A algúns fusilábanos a rentes mesmo da sepultura, para que chegasen a ela camiñando, un xeito de aforrar custos, economía de guerra que se di. Aínda que só vemos un tramo,o foxo, atopado nunha vila de Burgos, ten máis de 30 metros de longo, trinta metros, dise axiña, como se fose unha liña longuísima dunha páxina xigante dun volume de historia descomunal. O certo é que unha vez desaparecidos os músculos, a pel, as vísceras, todo iso que para abreviar denominamos carne, os esqueletos adquiriron a dignidade dunha escrita creativa. Dá a impresión de que se tivesen recolocado para facer de cada óso unha palabra e do conxunto un texto de denuncia. Un texto sen puntos nin comas, sen pausas, sen cesuras, unha sorte de fluxo de conciencia, de discurso mental que convén ler de corrrido, como se foi escribindo ao longo dos  setenta e cinco anos que durou a súa composición. A carón do curioso alfabeto óseo atopáronse, a modo de ilustracións,unhas bólas pertencentes, suponse, a dous pícaros de 18 anos. Tamén a faixa ortopédica dun ancián ao que os verdugos mexaron na cara mentres boqueaba e o crucifixo dun crego fusilado por "rojo"; obxectos, a fin de contas, da vida cotiá, do cotián daqueles días de 1936 e posteriores. Moitas balas, tamén, unha no interior de cada cráneo, como para dotar dunha forza mortal a unha escrita xa de por si potentísima. Déixase ler como unha novela.


                           (Lese como unha novela. Juan José Millás en El País semanal)

domingo, 23 de octubre de 2011

Cando vaias á escola...

¡Xa verás cando vaias á escola! ”
O meu pai contaba como un tormento, como se lle arrincara as amígdalas coa man, a maneira en que o mestre lles arrincaba a gheada da fala para que non dixeran aghua nin ghato nin ghracias. “Todas as mañás tiñamos que dicir a frase Los pájaros de Guadalajara tienen la garganta llena de trigo. ¡Moitos paus levamos por culpa de Ghuadalagara!” Se de verdade quería meterme medo, conseguiuno. A noite da véspera non durmín. Encollido na cama, escoitaba o reloxo de parede na sala coa anguria dun condenado. O día chegou cunha claridade de mandil de carniceiro. Non mentiría se lles dixera aos meus pais que estaba enfermo.
O medo, coma un rato, roíame os adentros.
E mexei por min. Non mexei na cama senón na escola.
Recórdoo moi ben. Pasaron tantos anos e aínda sinto unha humidade cálida e vergoñenta escorregando polas pernas. Estaba sentado no derradeiro pupitre, medio agachado coa esperanza de que ninguén se decatara da miña existencia, ata poder saír e botar a voar pola Alameda.
A ver, vostede, ¡póñase en pé!”...

               (A lingua das bolboretas. ¿QUE ME QUERES AMOR?. Manuel Rivas)

se queres saber algo máis sobre o autor, preme sobre o seu nome