Buscar este blog

lunes, 26 de diciembre de 2011

A distante, misteriosa letra da escritura....

   "...Xa non me quedaban moitos días na aula de costura. Coido que foron un par de semanas ou así. A ela tampouco. Dona Benita involucrárase demasiado -quizais- como para que uns ou outros llo pasasen por alto, e viámola tensa, preocupada, atenta ao mínimo movemento, rumor, preto do cuarto: a instrución de nenas, unha das poucas que había entón, e que os da Xuntas lle prometeran mellorar. Máis espazo, mobles, mesas, cadeiras e, sobre todo, libros. Libros, cadernos, papel. Para que puidésemos aprender a escribir. Todas saberedes ler e entender as cousas -dicíanos.
   A distante, misteriosa letra de escritura. Ningunha sabía. Coido que, con excepción da tendeira e -así, así- a Chiva, ningunha muller aprendera a ler, e moito menos a escribir en toda a vila. É a chave das cousas, rapazas -repetía, con voz cerimonial, a dona Benita-. A chave das cousas, da luz, da vosa felicidade. E eu seguía as evolucións da súa man coma se se tratase do voo dun paxaro, mentres trazaba aqueles elegantes as, aqueles maxestosos emes, aquel virar do quinqué e a plúmula, da tinta anil sobre as pautas. Se segues así, de aquí a pouco vaste poñer adiantada. Incitábame, cun toquiño na caluga e, entre vainica e vainica, deixábame usar xa o tinteiro, as follas de pauta e o papel secante..."
                                       
                                   (As fiandeiras. Antón Piñeiro)

domingo, 11 de diciembre de 2011

O aforcado de San Xoán

      
                                    A ver se adiviñas a palabra. Veña, di unha letra!  
                           

                       (para xogar coas palabras...tomámolo emprestado do Blog "Primeira Lingua")

lunes, 5 de diciembre de 2011

o 3D da palabra: a metáfora ...(O carteiro de Neruda)

   "Neruda soltou a agarradoira do portón, e acariñou o queixelo.
-Mario Jiménez, á parte de Odas elementais teño libros moito mellores. É indigno que me sometas a todo tipo de comparacións e metáforas.
-Don Pablo?
-Metáforas, home!
-Que son esa-Es cousas?
   O poeta puxo unha man sobre o ombro do rapaz.
-Para aclararcho máis ou menos imprecisamente, son modos de dicir unha cousa comparándoa con outra.
-Déame un exemplo.
   Neruda mirou o seu reloxo e suspirou.
-Ben, cando ti dis que o ceo está chorando. Que é o que queres dicir?
-Que fácil! Que está chovendo, vaia.
-Ben, iso é unha metáfora.
-E, por que, se é unha cousa tan fácil, se chama tan complicado?
-Porque os nomes non teñen nada que ver coa simplicidade ou complicidade das cousas. Segundo a túa teoría, unha cousa pequeniña que voa non debería ter un nome tan longo como bolboreta. Pensa que elefante ten a mesma cantidade de letras que bolboreta e é moito máis grande e non voa -concluíu Neruda exhausto. Cun resto de ánimo, indicoulle a Mario o rumbo cara á enseada. Pero o carteiro tivo a prestancia de dicir:
-Carafio que me gustaría ser poeta!
-Home! En Chile todos son poetas. É máis orixinal que sigas sendo carteiro. Polo menos camiñas moito e non engordas. En chile todos os poetas somos un pouco cuóns.
   Neruda retomou a agarradeira da porta, e dispoñíase a entrar, cando Mario ollando o voo dun paxaro invisible, dixo:
-É que se fose poeta podería dicir o que quero.

                      (El cartero de Neruda, Antonio Skármeta)

    

Se queres máis información, preme sobre as palabras destacadas.

sábado, 5 de noviembre de 2011

Shakespeare (dramaturgo)

   " o mundo enteiro é un gran teatro "
                                 
                      William Shakespeare

a vinganza sérvese con palabras...

<<...Xa supoñía eu que tiña un namorado. Sen dúbida estanse abrazando como fan nos libros...El dille "ámote"? E ela? É... a súa amante?, pensou con vergonza e repugnancia, mesturadas cunha escura ansiedade: "Libre, soa cun home...qué feliz se sentirá...Irán ao Bois,  sen dúbida. Ogallá mamá os pillase...Ah, canto me gustaría! -díxose apertando os puños-. Pero non, os namorados soen ter sorte, son felices, están xuntos, abrázanse...O mundo está cheo de homes e mulleres que se aman...Por que eu non?"
  A súa carteira de colexiala randeaba colgando das súas mans. Mirouna con xenreira, despois salaiou, xirou paseniño sobre os talóns e atravesou o patio. Chegaba tarde. A señorita Isabelle diría: "É que non che ensinan que a puntualidade é o primeiro deber dunha rapaza ben educada para cos seus profesores, Antoinette?
  "É parva, vella e fea..." pensou con exasperación. ...>>

                                                             (El baile. Irène Némirovsky)

miércoles, 26 de octubre de 2011

As palabras da historia

 
    Velaquí unha fosa común setenta e cinco anos despois de que deixasen caer nela, ás toas, os corpos dos mortos. A algúns fusilábanos a rentes mesmo da sepultura, para que chegasen a ela camiñando, un xeito de aforrar custos, economía de guerra que se di. Aínda que só vemos un tramo,o foxo, atopado nunha vila de Burgos, ten máis de 30 metros de longo, trinta metros, dise axiña, como se fose unha liña longuísima dunha páxina xigante dun volume de historia descomunal. O certo é que unha vez desaparecidos os músculos, a pel, as vísceras, todo iso que para abreviar denominamos carne, os esqueletos adquiriron a dignidade dunha escrita creativa. Dá a impresión de que se tivesen recolocado para facer de cada óso unha palabra e do conxunto un texto de denuncia. Un texto sen puntos nin comas, sen pausas, sen cesuras, unha sorte de fluxo de conciencia, de discurso mental que convén ler de corrrido, como se foi escribindo ao longo dos  setenta e cinco anos que durou a súa composición. A carón do curioso alfabeto óseo atopáronse, a modo de ilustracións,unhas bólas pertencentes, suponse, a dous pícaros de 18 anos. Tamén a faixa ortopédica dun ancián ao que os verdugos mexaron na cara mentres boqueaba e o crucifixo dun crego fusilado por "rojo"; obxectos, a fin de contas, da vida cotiá, do cotián daqueles días de 1936 e posteriores. Moitas balas, tamén, unha no interior de cada cráneo, como para dotar dunha forza mortal a unha escrita xa de por si potentísima. Déixase ler como unha novela.


                           (Lese como unha novela. Juan José Millás en El País semanal)

domingo, 23 de octubre de 2011

Cando vaias á escola...

¡Xa verás cando vaias á escola! ”
O meu pai contaba como un tormento, como se lle arrincara as amígdalas coa man, a maneira en que o mestre lles arrincaba a gheada da fala para que non dixeran aghua nin ghato nin ghracias. “Todas as mañás tiñamos que dicir a frase Los pájaros de Guadalajara tienen la garganta llena de trigo. ¡Moitos paus levamos por culpa de Ghuadalagara!” Se de verdade quería meterme medo, conseguiuno. A noite da véspera non durmín. Encollido na cama, escoitaba o reloxo de parede na sala coa anguria dun condenado. O día chegou cunha claridade de mandil de carniceiro. Non mentiría se lles dixera aos meus pais que estaba enfermo.
O medo, coma un rato, roíame os adentros.
E mexei por min. Non mexei na cama senón na escola.
Recórdoo moi ben. Pasaron tantos anos e aínda sinto unha humidade cálida e vergoñenta escorregando polas pernas. Estaba sentado no derradeiro pupitre, medio agachado coa esperanza de que ninguén se decatara da miña existencia, ata poder saír e botar a voar pola Alameda.
A ver, vostede, ¡póñase en pé!”...

               (A lingua das bolboretas. ¿QUE ME QUERES AMOR?. Manuel Rivas)

se queres saber algo máis sobre o autor, preme sobre o seu nome

jueves, 20 de octubre de 2011

Pablo Picasso (artista)


A arte é unha mentira que nos achega á verdade
                                                                                                                 (Pablo Picasso)

lunes, 17 de octubre de 2011

A lingua do máis débiL


   "QUERO APRENDER a lingua do máis débil. A outra xa ma chantarán na carne con agullas, xa ma inocularán coma vacina obrigatoria, xa ma meterán na boca sen facer preguntas, xa ma enquistarán entre as febras dos músculos sen apenas darme conta. Irá nunha pílula imperiosa que fará niño nos estómagos, revestida de placebo. Química ilusoria, tragaráse con auga e fará sentir a todos ben.

Quero aprender a lingua do máis débil. As outras xa mas colocarán diante das pupilas, tan en primeiro plano que será imposible enfocar os lindes, ocuparano todo de tal xeito que non haberá sitio para máis, acabarei por confundir o que prefiro co único que os meus ollos podan ver.

Quero aprender a lingua do meu irmán máis débil. As outras xa me saltarán ao camiño cada vez que poña un pé fóra da casa: para ofrecerme un negocio ou para bater en min, para servirse de min ou para venderme traxes novos cos que me sinta importante; para que eu bata nos outros ou para ofrecerlles un negocio, para que poda servirme deles ou me compren un traxe co que se sintan importantes.

Quero aprender a lingua máis débil do meu territorio. A outra xa levará o abono máis potente, xa chuchará do mellor estrume e haberán arrincarlle as malas herbas cunha constancia non pedida, xa lle poñerán unha manta de plástico para que non pase frío e medre forte, máis forte aínda do que a súa semente. Movidos polo seu verdor, os traballos do campo trocarán de rutina en xesto espontáneo, de disciplina en instinto.
Quero aprender a lingua do meu irmán máis débil. As outras xa terán os pés máis grandes, avanzarán rápido e esmagarán algún insecto ao camiñar. As outras xa chegarán sempre máis cedo sen tanto esforzo, incorporaranlle un motor pola noite e dará xenio velas correr, ao día seguinte.

Quero aprender a lingua do máis débil. A outra xa ma pegarán no lombo cando non me decate, xa darei contra ela cando quera fuxir, xa baterei con ela ao dobrar cada esquina, xa medrará coma fungos nos recantos, instalarase nos meus balcóns sen case abrirllos, deglutiráa o meu corpo sen apenas decidilo, desembarcará con bandeiras das nosas cores favoritas e, sen apenas un conflicto, fará parte da paisaxe. Tan baril e tan presente, tan solícita e disposta que apenas repararemos nos que estaban de antes. Coma se libremente decidísemos, coma se de veras desexásemos o máis forte que hai, o único que hai.
Quero aprender a lingua do máis débil."


                                             Yolanda Castaño
                                                   Poeta
                                          2009-05-28 23:00:33

A "seño"

                          

    "Porque no meu cole, ao principio, non había profesores, había "seños". Seños que che abrochaban ben o "babi" e escribían as vocais con xiz de cores na pizarra. Seños coas que facías o agasallo do día do pai con macarróns crus que pegabas nun debuxo de papel.  Seños que che ensinaban que dunha xudía, dentro dun iogur e tapada con algodóns mollados, xermolaba unha planta.
Despois das seños, chegaron as profesoras  ás que llamabas polo seu nombre de pía. A miña de 5º de EXB era Ana. Tiña o pelo curto e falábanos como adultos.Nas clases de tItoría debatIamos sobre os anuncios de publicidade, sobre o que pensabamos sobre o reparto de tarefas na casa e a temática dalgúns programas que viamos na tele. Do cine que non era de debuxos e dos libros. Ás veces llevabamos un xornal, recortabamos os titulares e co corta-pega  inventabamos noticias novas.
Cando pasei ao instituto, por primeira vez compartín pupitres con compañeiros e por primeira vez  tiven, ademais de profesoras, profesores. Aprendín que a disciplina poñíala ti; que o mundo dividíase en ciencias e letras; e que ademais de deberes, tamén tiñamos dereitos.
Desde os 4 anos, en cada unha das etapas da miña vida ten habido profesores que ademais de lingua, matemáticas, ciencias, filosofía, física e química, arte, historia,  literatura e latín tamén me ensinaron a vivir.
Quizais un día me encontre con algún deles pola rúa e poida darlle as grazas."                                     
                                   09 sep 2011 | Enlace permanente | 36 Comentarios

                                   (DEL BLOG  de MARA TORRES, Buenas Noticias)

domingo, 16 de octubre de 2011

ese humilde cristal...a palabra

" 1.  Ao me cruzar con dúas empregadas da limpeza no aeroporto de Barcelona, escoito que unha lle di á outra: <Se está limpo, non se decata ninguén; pero se está sucio, nótao todo o mundo>. Coa escritura ocorre algo semellante: se unha frase está ben escrita, non o nota ninguén, ou apenas o nota quen ten a teima diabólica de escribir frases; pero se está mal escrita, nótao todo o mundo. Para o lector, a escritura debe ser coma o vidro dunha fiestra, que está aí sen que se note, e que non chama a atención sobre si mesmo, senón sobre o que transparenta (un cristal que chama a atención sobre si mesmo non é un humilde cristal, senón unha vaidosa vidreira); claro está, isto é só unha impresión, e ademais falsa -a escritura non transparenta a realidade: créaa-, pero é unha impresión necesaria: nese feitizo consiste parte importante do encantamento da literatura. Polo demais, dá moita paz espiritual sentirse unha empregada da limpeza.  ... "

                      (Éxito total. Javier Cercas.El país semanal,16-10-2011)